Debido ao elevado absentismo laboral no Parque de Bombeiros de Vilalba -a metade dos efectivos colleron a baixa- na quenda deste venres, 8 de decembro, só se incorporaron dous traballadores. O efectivo designado como suplente para cubrir os servizos mínimos, que debería terse incorporado, non se presentou. Ante esta circunstancia, avisouse novamente a este efectivo e aos outros dous que figuraban como suplentes de servizos mínimos no cuadrante, pero, transcurrida máis dunha hora, tampouco se incorporaron.
Un comportamento totalmente irresponsable, que, un día máis, deixa sen servizo o parque de Vilalba, en tanto que os bombeiros non cumpren coa súa obriga de presentarse ao seu posto de traballo e non cubren os servizos mínimos nunha prestación esencial como é a atención de emerxencias, o que lles pode acarrear graves consecuencias.
O Consorcio comunicou ao 112 que os dous efectivos do Parque de Vilalba que se presentaron desprazáronse a Barreiros, dende onde se atenderán as posibles incidencias.