O Consorcio ten os cuadrantes perfectamente organizados dos 6 parques de bombeiros para que poidan prestar servizo os 365 días do ano. Polo tanto, os peches non son consecuencia dunha mala xestión, senón da decisión dos bombeiros de non cubrir os servizos mínimos, incumprindo así coa súa obriga legal.
De feito, a raíz da folga, o absentismo laboral disparouse e, no caso do Parque de Bombeiros de Vilalaba, a metade da plantilla colleu a baixa e xa renunciaron catro bolseiros denunciando o ambiente de presión que sufren para que non se cubra o servizo. Ademais, por regra xeral en todos os parques néganse a facer horas extras pola folga; collen baixas, auséntanse ou acóllense á folga cando se lles comunica que teñen que desprazarse a outro parque para cubrir servizos mínimos; e non se presentan cando teñen que facer suplencias.
En 12 anos, os parques comarcais de bombeiros da provincia nunca pecharon, e iso demostra que, se pechan agora, é pola estratexia orquestrada polos bombeiros dende o inicio da folga para boicotear a prestación do servizo, antepoñendo os seus propios intereses aos da cidadanía.