Varias activistas de Ecoloxistas en Acción foron citadas esta semana polo Xulgado de Instrución N.º 2 da Coruña logo de que a Cámara Oficial Mineira de Galicia presentara unha denuncia falsa atribuíndolles un inexistente delito de coaccións, que tería acontecido o pasado 6 de setembro cando membros da organización levaron á sede da entidade botellas con auga contaminada procedente das minas de Touro en San Finx.
Coa entrega das botellas as ecoloxistas saían ao paso das declaracións públicas da Cámara Mineira nas que se afirmaba que «nunca houbo problemas coa calidade das augas» en San Finx, a pesar de que as analíticas do pasado agosto revelaban niveis de cadmio, substancia tóxica e canceríxena, 78 veces por encima do nivel máximo que permite a lexislación. Esas mesmas analíticas levaron a un procedemento sancionador contra a mina.
Se ben a acción non demorou máis de tres minutos e foi totalmente pacífica, desde a Cámara Mineira cualificárona como un «asalto violento», mesmo chegando a afirmar que se forzara ás administrativas a beber auga contaminada. A denuncia é o caso máis recente e disparatado dunha campaña continua e sistemática de acoso xudicial por parte do lobby, utilizando acusacións falsas e infundadas para intimidar e silenciar as organizacións que veñen denunciando as ilegalidades mineiras.
Este mesmo verán a propietaria da mina de San Finx presentou outra denuncia falsa contra Ecoloxistas en Acción por un inexistente delito de danos, dando pé a unha causa que foi arquivada no pasado mes de outubro. A denuncia produciuse xusto cando se iniciou un procedemento sancionador contra a mina por vertidos ilegais logo das denuncias de Ecoloxistas en Acción, que podería levar a unha sanción de ata 300.000 euros e á retirada da autorización de vertidos. Un ano antes, tamén a empresa da mina de Varilongo, para que a traballara o presidente da Cámara Mineira, presentara denuncia falsa contra Ecoloxistas, sendo igualmente arquivada polo xulgado de Negreira.
A Cámara Mineira confiou ao caso ao mesmo abogado que protagonizara outras accións estratéxicas contra a participación pública (SLAPP nas súas siglas en inglés), incluíndo unha denuncia falsa de Cementos Cosmos contra Bierzo Aire Limpio, arquivada en febreiro deste ano, e outra querela por inxurias contra o xornalista Valentín Carrera, igualmente desestimada polos xulgados de Vigo en 2019. Desde Ecoloxistas en Acción relacionan ademais esta denuncia coa recente vitoria xudicial da entidade que obrigou a paralizar a mina da Penouta, empresa para a que precisamente traballa actualmente o presidente da Cámara Mineira.
Reclaman medidas contra a Cámara Mineira
Con esta acción infundada, a Cámara Mineira demostra unha vez máis como só defende os intereses dos elementos máis retrógrados do sector mineiro, despregando, en palabras da organización ecoloxista, «un negacionismo absoluto fronte a todos os seus impactos ambientais». A súa actuación no caso da mina de San Finx é un claro exemplo dos seus esforzos de lavado verde das peores pácticas sector mineiro. Por iso, desde Ecoloxistas en Acción demandan que na próxima lexislatura lle sexan retiradas as potestades públicas que a Xunta atribuíu a esta entidade, incluíndo as de xestión do Censo Catastral Mineiro, así como as axudas multimillonarias que se lle veñen concedendo na última década.