Laxe: a finca do Areal é inundable e urbanizable

A famosa finca do Areal, na entrada de Laxe, xa é urbanizable grazas a PP de Laxe e PSOE de Laxe, e é esta parcela unha braña bañada polas augas do Río dos Cabalos e as do regato que nace na Fonte da Condesa. Son moitos os cidadáns laxenses os que coñecen moi ben esa inundación cíclica, especialmente na zona da gasolineira, onde son as paleadoras municipais as encargadas de abrir ó medio as areas da praia para desaugar o regato e impedir asi que se forme, de modo natural, a famosa lagoa de Finllido ata case Serantes.
Recentemente GCiencia, El País, La Voz de Galicia, Praza.gal e outros medios de comunicación, nacionais e internacionais, recollen, nova información actualizada por Climate Central, confirmando os pronósticos para as próximas décadas debido ao aumento do nivel do mar. 300 millóns de persoas veranse afectadas ou desprazadas por este fenómeno.

Moi curioso o caso das dunas de caolín da rúa Isidro Parga Pondal de Laxe (entre o campo do escaravello e a gasolineira), dunas e monte dunar de caolín, que, a día de hoxe, xa foron retiradas (no seu momento ) por paleadoras e maquinaria para unha restauración ambiental legal e xustificada municipalmente, e , é curioso, moi curioso, ……. refírome a que dita restauración ambiental coincide casualmente coa modificación do chan urbanizable, resolto o 7 de xuño de 2018, que permite que este amplio terreo sexa urbanizado.

Curioso que, en dita resolución municipal, é PLATERGA (Plan de Protección Civil de Galicia) a que sentencia que non existe risco natural ou ambiental nesta zona, sen risco por ser un territorio cunha poboación non moi elevada e sen riscos por inundacións ou calqueroutro suceso natural. Xusto unha zona de particular interese pois nestas novas informacións sobre a subida do nivel do mar aparecen como zona de moi alto risco de anegamento mariño de forma paulatina …..ou súbita, dependendo do fenómeno que aconteza.

Moi a ter en conta xa que a poucos metros está un colexio público, o campo de fútbol e o pavillón , polo que agardemos, xa que sucederá si ou si, a que se anegue a altas horas da noite. Planificación urbanística “atlante” que non ten en conta todas estas novas sobre o futuro a corto prazo da costa galega. Cando este espazo, agora xa urbanizable, se inunde, como tódolos invernos, daremos dende 21noticias.com a nova completa con información detallada e fotos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios