Coa concentración o colectivo de Bombeiros Comarcais continuará a súa protesta ante a Xunta de Galicia e as Deputacións. O noso crecente descontento co goberno de Alfonso Rueda lévanos a continuar coa nosa folla de ruta, máis cando logo de impedir a continuidade das negociacións desde o día 25 de setembro ata o día 5 de decembro, o día que as retoman, o único que fan é romper acordos e mentir aos medios, así como propor novamente un empeoramento de condicións.
Tal e como se aprobou en Asemblea Xeral de Traballadores, o pasado día 20 de novembro, de non acadarse ningún acordo ou avance palpable na negociación, as medidas que se acordaron entre os traballadores continuarán a súa implantación, chegando incluso a decretar folga de fame no momento en que se convoquen as eleccións autonómicas. Así pois, o Comité de Folga, comunicou á Subdelegación do Goberno a intención do colectivo, de iniciar unha concentración indefinida de protesta pacífica no Obradoiro en formato acampada, co galo de facilitar a continuidade da concentración en horario nocturno, tendo en conta a climatoloxía e época do ano. Para isto solicitouse permiso para ocupar 250m2 dos 7700m2 que dispón a praza, ao lado oposto de onde se instalan o Belén, á árbore de Nadal ou as atraccións infantís, aclarando que para calquera evento programado de pública concorrencia, desmontariamos o campamento polas horas que fora preciso.
Desde a Subdelegación do Goberno, logo de valorar informes elaborados polo Concello de Santiago (alegando unha ocupación de moi alta intensidade), e pola Policía Nacional (onde alegaban risco polo estado de alerta terrorista), denégasenos a posibilidade de instalar tendas de campaña, dificultando así a continuidade da concentración durante as noites ou momentos de choiva, máis non negan a posibilidade de manter a concentración de xeito indefinido.
Isto fixo que a proposta da parte traballadora se vira truncada, mais non vai impedir que se leve a cabo. O vindeiro día 15 de decembro, dará comezo unha concentración indefinida de Bombeiros Comarcais en formato de protesta pacífica na Praza do Obradoiro, que manterá a un grupo de máis de 20 bombeiros todos os días, entre as 09:00 e as 21:00 horas. O número será marcadamente inferior polas noites, tendo en conta a prohibición do emprego de tendas de campaña implica durmir ao raso, e neste tempo suporá que parte do persoal enferme, coa implicación directa que isto suporía na prestación do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento nunhas datas tan marcadas como as que se achegan.
Día 15 atención presencial de medios de prensa no Obradoiro, entre as 10:30h e as 11:30h. Contacto telefónico a partir das 11:30h.