O venres 15 de decembro ás 19:30 h, terá lugar a presentación da Vía Céltica na CASA DAS ASOCIACIÓNS DE CORNES en Santiago de Compostela, para todos aqueles que estean interesados en coñecela e ao mesmo tempo, se están interesados, poden incorporarse ao Club Vía Láctea para poder facela
O Club Vía Láctea de Santiago de Compostela con sede en Conxo, estivo implicado dende os seus inicios en dar a coñecer todos os Camiños de Santiago, converténdose nun distintivo deste club. Sendo un clásico do club da Vía Láctea iniciar a programación anual de actividades cun Camiño de Santiago, querendo non perder a esencia de difundir os camiños xacobeos que chegan á nosa cidade, propoñemos para este 2024, a VÍA CÉLTICA.
Trátase dun Camiño que parte de Irlanda e entra na provincia da Coruña por mar, polos portos da costa de Bergantiños e da Costa da Morte. É, en primeiro lugar, un itinerario posxacobeo que permite a extensión da peregrinación xacobea ata os santuarios de Fisterra e Muxía e, en segundo lugar, unha serie de rutas marítimas desde os portos de chegada do noroeste de Galicia.
A evidencia histórica atópase recompilada no libro, Vía Céltica: Os camiños de Santiago por Santa Comba, de André Pena Graña e Joám Evans Pim. A obra expón os fundamentos históricos, arqueolóxicos, arquitectónicos, documentais, culturais, relixiosos e antropolóxicos que sustentan o carácter xacobeo destes camiños.
O 27 de novembro do 2021, recibiron a confirmación de que a Catedral autoriza a expedición da Compostela a aqueles peregrinos que fagan a Vía Céltica.Para obter a Compostela é necesario ir camiñando ata a catedral de Santiago de Compostela dende un dos portos da costa de Bergantiños e outro dende un dos da Costa da Morte para cumprir a distancia necesaria para recibir a Compostela.
O Vía Láctea Club pretende completar a Vía Céltica na súa totalidade. Camiñará dende os 8 portos de entrada ata a Catedral de Santiago pola ruta sinalizada da Vía Céltica.
Para iso teremos que dividilo en 15 etapas que terán lugar os sábados e comezarán o sábado 13 de xaneiro de 2024 coa etapa CAIÓN-BUÑO.
Para máis información podedes achegarvos este venres ás 19.30 horas, día da presentación, ou a través da páxina web www.clubvialactea.com, no correo electrónico info@clubvialactea.com ou nos números de teléfono 620424382/604091325, ou mesmo achegándose ao centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo os martes de 18.15 a 21.00 h.