O podcast “Madriña” preséntase este xoves en Canido

por Redacción Galicia

O grupo “Merlín e Familia”, xurdido no seo da programación conxunta de radio Son Radiofusión, dramatiza a última novela de Antonio Tizón

O grupo de teatro “Merlín e Familia”, xurdido no seo da programación conxunta de radio Son Radiofusión, presentará este xoves ás 19:30 no centro cívico de Canido o seu novo podcast “Madriña”, unha homenaxe á muller do mundo rural galego que se pode escoitar todos os días ás 9 e as 21:00 en Radio Fene (107.7 da FM) e na web www.radiofusion.gal. O podcast está dirixido por Eugenia Sanmartín con guion de Antonio Tizón e baséase na quinta e última entrega da pentaloxía de novelas e podcast do autor, co policía Xosé Sánchez Pereiro como protagonista. A banda sonora é de Antón Ramos.

O podcast segue a liña das obras anteriores de Tizón, todas elas ambientadas nas comarcas de Ferrol e A Coruña e co amor, a morte e a enfermidade mental analizados en clave de xénero como eixes centrais. Pero, ademais, ten outras peculiaridades, xa que homenaxea a persoeiros e eventos reais, especialmente ao poeta Carlos Oroza -de cuxo nacemento cumpríronse en maio 100 anos- e á Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol, na que o autor participou en varias ocasións.

A protagonista principal do podcast é María Dominga Tenreiro García, a madriña, un personaxe que conta a súa vida e a do seu pobo desde principios do século XX a través de historias persoais, familiares e sociais e mesmo do canto de coplas propias e alleas. Partindo destas premisas homenaxéase a todo un país, diverso pero unitario, como un aporte engadido á conciencia nacional de Galicia.

O proxecto é “multimedia”, xa que une a narración da novela, a dramatización do podcast e a poesía en forma de coplas e incluirá no libro impreso por Edicións Xerais un código QR para que se poida acceder á versión oral.

A entrada ao acto de presentación -no que colabora a Deputación Provincial da Coruña- é libre.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario