A UDC reduce nun 2,5% as emisións de CO2 con respecto ao ano 2022

por Redacción A Coruña

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña vén de publicar o avance dos resultados da enquisa de mobilidade levada a cabo durante o mes de novembro a toda a comunidade universitaria, a través da calculadora OMA-Emapic da UDC

A participación foi dun total de 607 persoas, a partir das que foi posible extraer o cálculo de emisións de CO2 derivadas dos desprazamentos relacionados coa actividade universitaria.

A pegada de carbono media resultou de 810 quilogramos de CO2/persoa e ano, sumando 15.882 toneladas de CO2 anuais para o conxunto da UDC e traducíndose nunha pegada ecolóxica de 2.533 hectáreas de bosque galego.

Este resultado indica unha redución das emisións por persoa do 2,5% con respecto aos datos de novembro de 2022. 

A pegada ecolóxica variou desde os 709 kg de CO2/persoa e ano do estudantado, ata os 1.495 kg de CO2/persoa e ano para o Persoal de Administración e Servizos, e 1.490 kg de CO2/persoa e ano o persoal de Persoal Investigador e Persoal Externo Contratado e 1.236 kg de CO2 o Persoal Docente e Investigador.

Valoración do transporte público

A enquisa tamén indagou na opinión sobre as opcións de transporte público colectivo para chegar a UDC. O 27% das persoas que responderon a consulta consideraron axeitados os servizos existentes, mentres que un 38% atopou carencias nos itinerarios, un 24% nas frecuencias e un 11% na calidade do servizo. A redución de prezos nos itinerarios frecuentes animou ao 32,8% das persoas a utilizar máis o transporte público colectivo. Por último, o 24,5% declarou elevado o impacto ambiental dos seus desprazamentos, sen ver opcións para reducilo, mentres o 14,5% reclamou o fomento das opcións de baixo impacto por parte da Universidade.

Esta enquisa de mobilidade, como se pode consultar no informe da edición de abril-maio de 2022, permite obter moita máis información, en particular relativa á frecuencia de viaxes e modos de transporte, que será analizada nun informe posterior.

Máis información e resultados en: https://emapic.es/custom/mobilidade-desprazamentos-udc

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario