Balseiro lamenta que se confirme o bloqueo do Goberno municipal de Foz á nova depuradora

por Redacción Lugo

Explica que a Xunta está en disposición técnica e económica de iniciar as obras pero non pode facelo porque o Concello nun cumpre a súa parte

O deputado mariñán do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, lamenta que os datos veñan a confirmar o “bloqueo” do Goberno municipal de Foz á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e censura que esta falta de vontade política poña en risco un investimento millonario e moi necesario na localidade.

Balseiro explica que o convenio entre a Xunta e o Concello de Foz para executar esta infraestrutura hidráulica data do ano 2016. Nese acordo a administración autonómica comprometíase a redactar o proxecto técnico e executar a obra mentres que o Concello asumía  a obriga de obter os permisos necesarios e os terreos para executar a nova EDAR.

“A realidade é que anos despois, a Xunta xa ten redactado o proxecto técnico e a obra está incluso contratada, desde setembro do ano 2022, pero o Goberno municipal aínda ten todas as súas obrigas pendentes: non hai terreos a disposición da Xunta, non hai expropiacións, non hai permisos, nin teñen a concesión por parte do departamento de Costas do Estado”

Para Balseiro é inaudito que cando a Xunta está disposto a correr con todos os gastos (só nos orzamentos da Xunta para 2024 están reservados 5,8M€)  o Concello no sexa capaz de facer a súa parte e, por riba de todo, o alcalde se dedique a mentir e a non asumir unha responsabilidade aínda pendente.

O deputado mariñán pide ao Executivo local que “tome en serio este proxecto e asuman as súas obrigas e compromisos” porque a Xunta está en disposición técnica e económica de iniciar as obras da nova depuradora e non pode facelo porque o Concello non cumpre a súa parte. “Cajoto dende que era candidato leva demostrando que non quere avanzar no que deixou feito o goberno do PP”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario