O deputado socialista no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe á Xunta do popular Alfonso Rueda de ter perdida máis dunha década na construción de vivenda de promoción pública. Besteiro visitou hoxe o barrio do Castiñeiriño en Santiago de Compostela onde “levan catro anos para facer 24 vivendas e onde hoxe hai máis carteis da Xunta que pisos”.
O deputado nacional ve neste barrio o símbolo das nulas políticas de vivenda que aplica o Partido Popular e salientou que na capital galega non se construíu unha soa vivenda de promoción pública en 14 anos. Unha situación semellante ao resto das cidades e vilas galegas que contrapuxo coa etapa do socialista Pérez Touriño á fronte da Xunta que “en dous anos fixo máis vivendas de promoción pública que os gobernos de Feijóo e Rueda xuntos”. Agora, coincidindo coa proximidade das eleccións, Rueda anuncia a construción de dous novos edificios de vivenda pública en Santiago, en total 36 destinadas ao alugueiro e recomendoulle que “primeiro remate estas do Castiñeiriño e logo veremos se esas non volven ser un novo anuncio propagandístico”.
Besteiro referiuse tamén á Lei estatal de Vivenda, a primeira de toda a democracia aprobada polo goberno de Pedro Sánchez na anterior lexislatura, como mostra da importancia que os socialistas lle dan as políticas públicas que afectan directamente á cidadanía. Neste sentido, subliñou que cando chegue á Presidencia da Xunta de Galicia, “garantirá o pleno desenvolvemento desta lei, impulsará a construción de vivenda protexida e buscará incorporar a vivenda baleira ao mercado, ao tempo que se comprometeu a traballar cos concellos para acadar prezos de alugueiro razoables”.
Abordar a necesidade de vivenda en Galicia desde todas as perspectivas
Precisamente, o deputado nacional recordou que “Galicia ten o maior parque de vivendas baleiras de España” (cerca dun 30% están desocupadas, máis de medio millón), “e ao tempo son milleiros de galegos e galegas os que reclaman un lugar onde poder vivir dignamente a un prezo accesible” (hai 16.500 demandantes, que son parte dunha realidade maior).
Besteiro recordou que nesta “década perdida”, e en concreto “en 2022, se deixaron de investir sete de cada dez euros orzamentados a este fin. No programa de acceso á vivenda se executaron pouco máis de catro millóns de euros dun total de 52”. E enfrontou as políticas dos socialistas e os populares: “en dez anos (2012 e 2022) a Xunta de Feijóo e Rueda tivo unha media de construción de 102 vivendas por ano, mentres que en só dous (2006 e 2007), con Touriño, se fixeron máis de 7.200 vivendas de promoción pública”.
“Para poder atender ás necesidades da cidadanía que precisa un fogar se necesita sensibilidade e tamén vontade política que a Xunta de Rueda non ten demostrado. É necesario que o goberno autonómico determine dunha vez a definición de vivenda baleira como xa fixeron outras comunidade como Euskadi, para poder poñelas no mercado” remarcou Besteiro. O candidato socialista á Presidencia da Xunta tamén lle botou en cara a Rueda que renegue e combata as leis estatais das que logo se aproveita e apostou “pola colaboración interinstitucional como a mellor estratexia para botar adiante os proxectos bós para Galicia”.
Comprometeuse Besteiro, neste sentido, a “darlle pulo á Lei estatal de Vivenda e, especialmente, á súas medidas máis significativas canto o alugueiro (limitación por Lei da suba dos prezos) e a colaboración cos concellos para baixar os prezos nas áreas que estes consideren tensionadas”. Medidas que ademais incluirán a prohibición dos desafiuzamentos sen data e hora predeterminadas ou limitarán os pisos turísticos”.
En Galicia, sinalou Besteiro, “a inacción e incompetencia de Rueda agravou este problema non só nas grandes cidades e vilas, senón tamén para o colectivo de xente nova e do rural, provocando unha forte despoboamento dos que se desprenden os peores datos de emigración e abandono do rural que só contribúe a empeorar a crise demográfica do país, sen que ninguén a asuma”.
Co candidato socialista estiveron Aitor Rodríguez e Thais Santos, dous mozos de 30 anos, ambos profesionais que traballan en Santiago de Compostela pero que, segundo expuxeron a falta de vivenda na capital ou o seu alto prezo non lles permite emanciparse e crear o seu propio proxecto vital.