A Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, celebra o Nadal cun concerto familiar no Conservatorio Superior de Música de Vigo

Actuará un coro de pais, nais, amigos e familiares de membros da Kv2211 formado para a ocasión

Orquestra Infantil e Xuvenil de VigoKv2211, celebra o Nadal o vindeiro domingo 17 de decembro cun concerto que conta coa colaboración do Concello de Vigo. A cita terá lugar ás 12 horas no Auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo, situado no Castro, con entrada libre ata completar aforo.

É a primeira vez que coincidirán no escenario tres agrupacións.

En primeiro lugar, actuará o Ensemble de Chelos formado recentemente e que integra a todos os violonchelistas da Kv2211, dende os máis pequenos aos máis veteranos. Co Ensemble de Chelos, a Orquestra Kv2211 deu un paso adiante na diversificación das súas actividades formativas e interpretativas dos músicos de corda que a constitúen.

A continuación actuarán os máis pequenos, membros da Orquestra Infantil e posteriormente, a Orquestra Xuvenil, para dar paso á actuación da Orquestra Kv2211 no seu conxunto co Coro formado por pais, nais, amigos e familiares dos membros da Orquestra coa axuda da profesora Guadalupe Núñez da escuela de música Amadeus.

O concerto de máis dunha hora de duración está enfocado a familias e mozos co obxectivo de difundir a música clásica entre o segmento máis novo da poboación. Nel interpretaranse obras de Mozart, Handel e Sibelius ademais dunha selección de vilancicos tradicionais.

O concerto de Nadal pecha o ano 2023 no que a Orquestra Kv2211 tivo unha intensa actividade que comezou en xaneiro co Concerto de Aninovo con Víctor Fernández como director invitado. En marzo, celebrouse a Reconquista co tradicional concerto na Basílica Santa María de Vigo e en verán con dobrete: con Javier Viceiro como director invitado e varios solistas, a Kv2211 actuou no Porriño e en Vigo. No mes de setembro, retomou a actividade formativa e cultural cun concerto en Pardavila, adicado á figura de Francisco del Riego, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, e o tradicional concerto de «Música clásica polas parroquias», nesta ocasión na parroquia viguesa de Castrelos, para continuar no mes de novembro cun concerto en Bembrive en honor a Santa Icía, patroa da música.

Queremos destacar, tamén neste ano 2023 a alta incorporación de membros na Orquestra Infantil. Nenos e nenas de oito e nove anos de idade que están aprendendo a facer música en conxunto.

O proxecto Kv2211 xurdiu no mes de outubro de 2017 pola vontade de crear unha orquestra de cordas baseada en tres piares: educativo, cultural e social. Na actualidade, a Orquestra Kv2211 conta con máis 60 membros con idades comprendidas entre os 7 e os 22 anos, formados en instrumentos de corda, piano e percusión procedentes de Vigo, Tui, Porriño, Nigrán, Baiona, Gondomar, Santiago de Compostela, Mos e Ourense. Dende a súa constitución, polas fileiras da Kv2211, pasaron máis dun centenar de músicos, moitos deles tocando por primeira vez nunha orquestra, o que lles permitiu, ademais de ampliar a súa formación musical, descubrir a  experiencia de tocar en compañía.

Orquestra Kv2211, de carácter formativo, ensaia os sábados pola mañá no Centro Cultural de Beade e conta coa colaboración do Concello de Vigo para o desenvolvemento das súas actividades.

Comparte éste artículo
No hay comentarios