A Xunta fai entrega dos alimentos non perecedoiros ao Banco de Alimentos de Ourense

por Redacción Ourense

Baixo lema ‘Por un Nadal feliz para todos’ os voluntarios de Protección Civil están a desenvolver unha campaña de recollida de alimentos co obxectivo é colaborar coas familias máis necesitadas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acudiu esta mañá ao almacén que o Banco de Alimentos de Ourense ten no Parque Empresarial de San Cibrao das Viñas para facerlle entrega ao presidente desta entidade benéfica, Cecilio Santalices, dos alimentos non perecedoiros recollidos ata o momento a través do servizo provincial de Emerxencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda, en colaboración con 37 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia ourensá.

Este ano, baixo lema ‘Por un Nadal feliz para todos’ os voluntarios de Protección Civil están a desenvolver unha campaña de recollida de alimentos co obxectivo é colaborar coas familias máis necesitadas. Para elo, emprazaron un puntos de recolección en diversos edificios públicos (Casas do Concello, Centros de Saúde, colexios ou centros socias..), pero tamén en supermercados, tendas e áreas comerciais onde os cidadáns poden depositar os alimentos non perecedoiros, que en dúas quendas serán remitidas ao Banco e Alimentos.

A recollida destes alimentos realizase nos meses de novembro, decembro e principios de xaneiro, sendo a de hoxe a primeira das dúas entregas que se farán a esta entidade, polo que Gabriel Alén animou a poboación a seguir colaborando con esta iniciativa, para que sexamos capaces de acadar o lema da campaña “por un Nadal feliz para todos”.

Nesta campaña non se marcan obxectivos cuantitativos en canto a número de quilogramos a recoller; o que se pretende é, nunha época tan especial como é o Nadal, colaborar na axuda dos máis desfavorecidos. Deste xeito, o delegado territorial da Xunta, agradeceu “o labor desinteresado e altruísta das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia a prol dos máis vulnerables, sendo este o sétimo ano, que de forma consecutiva, colaboran co Banco de Alimentos nesta campaña de recollida”.

As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) que colaboran na campaña pertencen aos concellos de Amoeiro, Avión, Baños de Molgas, Beariz, Os Blancos, Boborás, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Coles, Cortegada, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Lobios, Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, Manzaneda, A Mezquita, Melón, Muíños, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Piñor, A Pobra de Trives, Porqueira, Rairiz de Veiga, A Rúa, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sarreaus, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario