O Concello da Laracha paraliza a instalación dunha antena de telefonía móbil

Previamente trasladárase á promotora o requirimento de documentación xustificativa segundo informe técnico ao detectarse deficiencias no proxecto

O Concello da Laracha paralizou hoxe a obra de instalación dunha estación base de telefonía móbil na parcela contigua ao recinto do CEIP Otero Pedrayo, en concreto na parte traseira do pavillón polideportivo do colexio.

Tras ser rexistrado no Concello o proxecto, e detectadas deficiencias no mesmo, trasladouse á promotora o requirimento, segundo informe técnico, de documentación xustificativa axeitada. Tamén se notificou a conveniencia de atopar un emprazamento máis óptimo para a citada base de telefonía móbil.

Ao mesmo tempo, o alcalde e a concelleira de Ensino convocaron unha reunión coa dirección e a Anpa do centro do ensino para ofrecerlles a información oportuna. O Consello Escolar do CEIP Otero Pedrayo reuniuse con carácter de urxencia no día de onte para tratar este asunto, deixando constancia da súa oposición e instando a buscar unha nova ubicación.

Ante o inicio das obras no día de hoxe na parcela prevista no proxecto, e ao non ser presentada pola promotora a documentación esixida no requirimento municipal, o Concello decretou a paralización dos traballos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios