O PP de Sarria alerta de prexuízos aos veciños coas obras de abastecemento en varios núcleos e instan ao goberno municipal a “realizar o seu correcto seguimento”

por Redacción Lugo

Os concelleiros populares trasladan as queixas dos afectados tras visitar varios núcleos do concello e pídenlle ao goberno municipal que “cumpra coa súa función de supervisión e se interese pola situación”

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Sarria alertan sobre os prexuízos que están a sufrir os veciños de distintos núcleos polas obras de extensión de abastecemento de auga e reposición de servizos básicos e, polo tanto, instan ao goberno municipal a “realizar o correcto seguimento das obras”.

A portavoz, Carmen José López, explica -tras visitar as zonas afectadas xunto a membros do Grupo Municipal Popular- que “por exemplo, nas parroquias de Santa María de Vilar ou San Pedro de Froián puidemos comprobar importantes desfeitas nos camiños e cunetas nos que se realizaron as actuacións que, incluso nalgún caso, deron lugar á afectación de canalizacións veciñais que están a ocasionar que a auga corra por riba do firme”. Isto supón, ademais de prexuízos directos aos veciños afectados, “o deterioro das estradas e un perigo para vehículos e viandantes, especialmente nesta época de fortes xeadas xa que se poden formar placas de xeo”.

O Grupo Municipal do Partido Popular cre que esta circunstancia se debe “a unha ausencia absoluta de control e seguimento da situación por parte do goberno municipal. Por este motivo, e atendendo ás queixas trasladadas dende os núcleos afectados, os concelleiros instan ao Goberno de Camiña Sarria a que se interese pola situación e cumpra coa súa función de supervisión ao obxecto de poñer fin a esta situación e minimizar os prexuízos que están a ocasionar”.

Os populares tamén inciden na “mala previsión” por parte do goberno municipal; xa que “as obras foron adxudicadas en xaneiro do 2023 cuns prazos de execución que ían dos 21 días a un mes e 26 días, dependendo da zona; pero ese tempo pasou con creces e estanse a acometer obras 11 meses despois en pleno inverno”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario