Javier Castiñeira explica que, tras publicarse hoxe no BOP da provincia as novas ordenanzas fiscais, os veciños de Foz poden presentar alegacións ás mesmas para tentar evitar esta suba de impostos aprobada polo goberno de Cajoto
Dende o PP de Foz indican que hoxe publícanse no BOP da provincia as novas ordenanzas fiscais do municipio que o goberno de Cajoto aprobou no denominado ‘xoves negro’. Máis de 10 ordenanzas fiscais que soben, multiplicando nalgún caso por catro a ordenanza que estaba en vigor.
Ante esta situación, o voceiro popular en Foz, Javier Castiñeira, explica que “poñémonos á disposición de todos os afectados para brindarlles o asesoramento que precisen para presentar alegacións”. “É necesario que todos os afectados que non estean de acordo con esta suba das taxas mostren o seu desacordo presentando as alegacións oportunas para evitar que ese ‘xoves negro’ se transforme nunha suba de impostos no vindeiro ano”, sinalou.
“Agardamos que coas alegacións dos veciños de Foz o equipo de goberno recapacite xa que non o quixeron facer cando o pedimos dende o Partido Popular”, recordou Castiñeira, ao que engadiu que “xa no seu momento pedimos que deixaran as ordenanzas sobre a mesa e as consensuaran cos sectores afectados, pero non o quixeron facer e agora a última vía que lle queda aos afectados é a administrativa presentando as alegacións”.
Un dos casos máis coñecidos é o da suba da ordenanza das terrazas no que “o señor Cajoto “demostrou moi pouca capacidade de diálogo” pero “insistimos en que agardamos que recapaciten e fagan caso aos afectados, sectores importantes como o da construción ou da hostalería”.