Besteiro pon como exemplo a Vigo de goberno socialista

por Redacción Vigo

O candidato socialista á Presidencia da Xunta. José Ramón Gómez Besteiro, mantivo esta tarde en Vigo unha reunión de traballo cos máximos representantes do PSdeG-PSOE na provincia de Pontevedra.

A xuntanza serviu para “afondar no modelo de país que queremos para Galicia. Unha Galicia moderna e sen complexos, que camiñe e marque a senda de seu e abandone o estancamento e a tristura dos últimos 14 anos” sinalou Besteiro.

O candidato socialista puxo de exemplo deste poder transformador á cidade de Vigo que “ten moito que dicir porque é o mellor exemplo dun goberno que escoita e aporta solucións ás necesidades que demanda a súa cidadanía”. Ao tempo que expresou que “Vigo tamén é un exemplo da política de confrontación e agravios aos que somete o PP estas cidades por motivos partidistas”. Unha “confrontación que dixo “é pouco intelixente” porque tamén a leva ao Goberno de España.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reafirmou esta mensaxe: “Dos case 17 anos que levo de alcalde, 15 foron dun total hostigamento por parte da Xunta de Galicia” e enumerou grandes . “Estamos fartos. Foron a pola cidade. A súa estratexia foi danar a Vigo. Temos un serio problema de marxinación da Xunta desde 2009”, ano no que entrou o PP. “Eu quero que o día 18 de febreiro o presidente da Xunta de Galicia pase a ser Besteiro porque é a garantía de que a cidade de Vigo vai ser tratada como se merece”.

Besteiro recalcou “o poder transformador que os socialistas aplicamos nas cidades e vilas onde gobernamos que son as máis desenvolvidas, modernas, solidarias e fortes económica e socialmente. Este é o proxecto que queremos para Galicia”. “Ese dinamismo, esa potencia, que estamos levando os socialistas onde gobernamos temos que levala á Xunta de Galicia porque non nos serve un bó resultado, queremos gañar para que Galicia prospere como o resto do Estado”.

O candidato socialista á Xunta cualificou de “electoralista” o anuncio de Rueda sobre a gratuidade dos autobuses autonómicos para maiores de 65, “unha medida que é un novo exemplo de que Rueda non quería convocar as eleccións e lle obrigaron dende Madrid”.

Sobre a petición de debates a Rueda afirmou que “son necesarios para que a xente vexa que hai alternativas” e, ironizou, “aínda que ao mellor equivoqueime porque tiña que emprazar a Feijóo que parece ser o verdadeiro candidato”.

Por último, o líder dos socialistas galegos agradeceu aos seus compañeiros da provincia de Pontevedra “a súa mobilización en torno a este proxecto común, un proxecto que é de todos e para todos e no que Vigo ten moito que aportar para que se produza o cambio que tanto necesitamos en Galicia”.

“Temos propostas para sacar este país adiante e temos que aproveitar todas as oportunidades”, rematou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario