Maridaxe de enoloxía, cultura e lecer na XXXI Feira do Viño do Rosal

por Redacción Pontevedra

A Praza do Calvario será o 14, 15 e 16 de xullo un grande escaparate no que gozar de xeito lúdico do valor dos caldos elaborados polas adegas DO Rías Baixas subzona do Rosal

A Feira do Viño do Rosal quenta motores para celebrar unha nova edición cunha morea de actividades para todos os públicos nunha contorna única.  Do 14 ao 16 de xullo, a Praza do Calvario aglutinará boa parte da actividade dunha feira que de novo maridará a enoloxía coa música, a cultura, o lecer, a gastronomía e o patrimonio rosaleiro e que por primeira vez contará coa participación do tecido asociativo do municipio.

“O viño está arraigado na nosa cultura. É parte da nosa identidade, da nosa orixe, un sector estratéxico que non só imprime calidade e emprego ao Rosal, senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación desta nova edición, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das bodegas e empresas participantes na feira.

A feira abrirá as súas portas o venres 14 coa tradicional cata comentada baixo inscrición previa e lectura do pregón, que este ano será a cargo de Jorge Vila, fundador e director de Galicia Wine Academy, a primeira escola autorizada para impartir as prestixiosas cualificacións do Wine&Spirit Education Trust en Galicia e unha das principais escolas WSET© en España.

O pregón de Vila dará paso ao nomeamento de confrades e entrega de insignias e, xa ás 23.00 horas, ao concerto de Blues do País e Sindicato da Verbena, que porán o peche á primeira xornada da feira.

O sábado 15 as casetas abrirán ás 11.30 para dar paso ás 12.30 horas ao showcooking a cargo do chef Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional ‘Eurochef II – European Showcooking: Sharing gastronomy and experiences’, do que forma parte Eu Rural. Despois de abrir boca, ás 13.30 horas, será a quenda dun concerto lixeiro a cargo de Llorente&Tribu. Pola tarde, ás 19.00 h tocará o grupo de gaitas Airiños do Folón, ás 20.00 horas Pulpiño Viascón amenizará a tarde de nenos e nenas co seu ‘Trikimachín’ e ás 23.00 h rematará o día ao ritmo de The Soul Jacket.

Xa o domingo a feira comezará ás 12.00 horas cun obradoiro de cociña para nenos e nenas con Isaac Míguez para o que será necesario realizar inscrición previa. Antes de comer, ás 13.30 horas, volverá haber concerto lixeiro, nesta ocasión a cargo de Acevedos Delgados. Pola tarde, actuación infantil do Mago Noel e o seu espectáculo ‘Que curioso’ ás 19.00 horas e concerto con Somoza Trío ás 20.00 h.

Ademais, a Feira do Viño do Rosal contará esta edición con máis actividades durante a semana previa. Así, as persoas interesadas poderán inscribirse para participar nas visitas guiadas que haberá do 10 ao 14 de xullo ás diferentes adegas ou á visita guiada aos Muíños do Folón o xoves 13 de 11.00 a 13.00 horas. Tamén haberá unha visita ao Museo do Cabaqueiro, situado na planta baixa da Cámara Agraria, o xoves 13 de 11.00 a 13.00 horas.

A sala de exposicións do Concello acollerá tamén do 14 ao 25 de xullo tres mostras de balde das que o público poderá desfrutar de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas: dúas exposicións de pintura de Antonio Baños Saldaña e Antonio Comesaña Abalda e unha mostra a cargo do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal.

Por outra banda, para facilitar os desprazamentos ata a feira da veciñanza da comarca, o Concello habilitará un servizo de autobús con dúas liñas circulares San Xián-O Rosal e Tui-Tomiño-O Rosal. Os billetes terán un prezo de 2 euros.

Fernández Callís quixo agradecer ás adegas o seu esforzo e implicación nesta nova edición da Feira do Viño do Rosal, “un escaparate no que gozamos de xeito lúdico do valor do viño elaborado polas bodegas DO Rías Baixas da Subzona do Rosal, un lugar no que sumar sinerxías coas que valorar e dar a coñecer á sociedade toda esa variedade de caldos que reúnen este distintivo de calidade no noso concello”.

Pola súa banda, o presidente da confraría, Enrique Costas, quixo enxalzar unha vex máis “o labor de todas e todos os que achegades a vosa axuda para visibilizar o noso traballo e que os nosos veciños e veciñas sintan orgullo. Os éxitos dos viños do Rosal son éxitos para todo o territorio e para todas as persoas que viven nel”.

 /></p></div><div class=

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario