As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) constitúen o seu Comité Electoral tras o anuncio do Presidente da Xunta de Galicia da convocatoria de Eleccións Autonómicas para o próximo día 18 de febreiro. Esta constitución, realizada no marco da última reunión ordinaria deste 2023 da Comisión Executiva Nacional Galega (CENG), o órgano de dirección das XSG, celebrada o pasado sábado, xa estaba prevista, pois a organización socialista moza tiña esta data como unha das posibles para a celebración de comicios autonómicos.
Foi o conxunto dos e das membros por unanimidade quen acordou a constitución do Comité Electoral das XSG, un órgano con funcións executivas do que formarán parte os Secretarios e Secretarias de Área da CENG, formándose baixo o seu amparo catro subgrupos: Organización e loxística, Comunicación e redes, Acción territorial e Programa marco.
Así, as Xuventudes Socialistas de Galicia aspiran a ser o máis eficientes posible durante a precampaña e a campaña electorais nunhas eleccións que describen como “trascendentais e de máxima importancia” indicando que “marcarán o rumbo da próxima década para a nosa terra”.
Na súa intervención, o Secretario Xeral das XSG, Xurxo Doval, ademais de congratular aos e ás membros da CENG polo seu traballo e esforzo nas dúas convocatorias electorais de 2023, agradeceu o recoñecemento que fixo o PSdeG ao labor das Xuventudes Socialistas na Convención Política dos pasados 16 e 17 de decembro, a cal contou coa presenza de Pedro Sánchez e Nadia Calviño.
Así, cualificando a súa participación de “éxito rotundo”, as Xuventudes aseguran que as súas propostas, tales como solucionar os problemas dos buses autonómicos, realizar un plan de emancipación mozo ou potenciar as políticas de transición xusta en zonas rurais, formarán parte do Programa Electoral do Partido.
“O PSdeG convértese no altofalante das demandas das persoas mozas”, destacou na súa intervención o Secretario de Organización e Acción Electoral das XSG, Enrique García. Ademais, denunciou como estas “ ven como o seu bus as deixa tiradas sen poder volver a casa ou como teñen que marchar fóra para encontrar un emprego, mentres que, a Xunta de Galicia, quen ten as solucións, non fai nada”. “Agora, as demandas da mocidade galega non só teñen voz por fin, senón que as súas solucións teñen nome e apelidos: José Ramón Gómez Besteiro”, proclamou.