Os socialistas de Arteixo demandan un cambio no sistema de axudas para comedores escolares

por Redacción A Coruña

O grupo municipal socialista denuncia que o sistema actual de pago funciona de xeito incorrecto por obrigar ás familias a facer un adianto económico que en ocasións non poden afrontar

O grupo municipal socialista de Arteixo leva ao pleno de decembro unha moción para instar ao goberno local a cambiar o sistema de axudas para comedores escolares porque a forma de pago actual funciona de xeito incorrecto.

Os socialistas  argumentan que os usuarios e usuarias dos comedores escolares dos centros educativos do concello “levan anos alertando dun sistema de pago das axudas que funciona de xeito incorrecto” xa que algunhas familias esperan un ano polo pago que lles corresponde e outras renuncian aos comedores escolares pola incapacidade de asumir un adianto económico que non poden afrontar.

“Sabemos que houbo cambios no sistema de pago” sinala a portavoz socialista, Ana Cedeira, para que as propias ANPAS ou empresas concesionarias dos comedores asumisen ese adianto e logo cobrasen as axudas, pero engade que ese novo sistema tampouco está a garantir que as empresas ou ANPAS se poidan facer cargo dos adiantos e “observamos como aparecen familias que quedan fora do sistema”.

“Non estamos a falar de familias en risco de exclusión social” explica a voceira socialista, “estamos a falar de familias con ingresos insuficientes para poder asumir o pago adiantado” e indica que a ANPA do San Xosé Obreiro de Meicende recibiu unha axuda de Caixabank para darlle cobertura no comedor a familias que quedaban excluídas co sistema actual.

Cedeira insiste que o concello de Arteixo, cun orzamento de case 70 millóns de euros, “non pode permitirse que haxa ningunha familia que deixe de mandar aos comedores escolares aos seus rapaces por falla de acceso ás axudas”, cando existen sistemas alternativos coma o das axudas da  Xunta de Galicia para libros ou material, ou coma o do concello de Vigo, no que os beneficiarios reciben un vale ou cobro directo para non ter que abonar os gastos previamente.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario