A Deputación da Coruña financia o servizo de Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas

por Redacción A Coruña

O acordo permite contratar a dúas asesoras xurídicas especializadas en cuestións sociais e un administrativo que este ano atenderon 757 consultas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente do Consorcio das Mariñas e alcalde de Abegondo, Jose Antonio Santiso Miramontes, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o mantemento da Asesoría Xurídica Social do Consorcio das Mariñas durante o ano 2023, un servizo que dende hai anos vén prestando apoio xurídico especializado a persoas e familias derivadas polos servizos sociais dos oito concellos que integran o Consorcio (Abegondo, Betanzos, Bergondo Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada).

A Deputación da Coruña subvenciona este ano o 48% dos custes do servizo cunha cantidade anual que ascende a 60.000 euros e que permite a contratación de dúas asesoras xurídicas especializadas en cuestións sociais (estranxeiría, desafiuzamentos, dereito de familia, laboral, violencia de xénero…) e dun auxiliar administrativo.

Este servizo compartido polos oito concellos do Consorcio atendeu durante o ano 757 consultas, unha elevada demanda que amosa «a súa utilidade para ofrecer apoio xurídico e asesoramento na resolución de conflitos a moitas persoas en situacións especialmente vulnerables ou en risco de exclusión social», explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso.

As actuacións incluídas no ámbito deste convenio non se limitan a un simple asesoramento e orientación xurídica, senón que tamén se realiza a tramitación de procedementos, a elaboración de documentos, xestións ou intermediacións ante outros organismos ou entidades, apoio ao servizo de xustiza gratuíta prestado por outros profesionais, etc.

A atención e a frecuencia de asistencia a cada concello organízase en función da demanda e da poboación que hai en cada unha deles, así vai dende os cinco días de atención mensuais nos concellos de mais poboación (Culleredo, Cambre e Oleiros) aos dous días ao mes nos mais pequenos (Abegondo, Carral e Bergondo), pasando polos catro días de atención nos dun tamaño intermedio (Betanzos e Sada).

O presidente do Consorcio, José Antonio Santiso, explicou que se trata dun servizo «moi valorado por todos os concellos, dada a súa alta especialización» e puxóo como exemplo de «colaboración entre institucións, cun importante aforro de custes que lles permite aos concellos dispor dun servizo que, de xeito individual, sería imposible de manter».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario