Á entrada do último pleno municipal do ano, o portavoz do BNG afirmou que «a veciñanza de Lugo leva 15 anos sufrindo o abandono do goberno do Partido Popular»
O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que hoxe era un día importante para Lugo pola aprobación no pleno municipal dos orzamentos para o ano 2024. Arroxo destacou que «este orzamento é froito do traballo realizado durante meses en contacto coa veciñanza, afianzando o proxecto que executamos nos últimos anos e permitíndonos afrontar desde o Concello os retos do futuro».
Arroxo destacou que as eleccións galegas convocadas para o 18 de febreiro «son un gran reto no que Lugo ten que ser protagonista despois de 15 anos de abandono por parte do Partido Popular desde o goberno galego». Para Arroxo, proxectos como a Tinería, o Cuartel de San Fernando ou a perda de servizos na sanidade pública, como se está a ver no Centro de Saúde de Nadela, son exemplos deste abandono ao que o Partido Popular somete á veciñanza de Lugo.
«Este 18 de febreiro pode chegar o cambio a Galiza da man do BNG e de Ana Pontón, un cambio que Lugo precisa para que o goberno de Galiza atenda ás nosas necesidades», afirmou Rubén Arroxo.