José Manuel López Varela destacou que as contas son solidarias e están feitas coa mesma cautela e prudencia na previsión de ingresos dos anos precedentes
O Concello da Laracha contará no ano 2024 co maior orzamento da súa historia despois de que o Pleno aprobase hoxe con carácter inicial o límite de gasto financeiro, o cadro de persoal e o presuposto para o próximo exercicio económico. As contas, que alcanzan os 10.970.000 euros e están equilibradas en ingresos e gastos, presentan un incremento do 11,37 % con respecto ao orzamento anterior. Saíron adiante cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e en contra dos tres edís do BNG e da concelleira presente do PSOE.
O alcalde, José Manuel López Varela, comezou a súa intervención agradecendo o labor do persoal adscrito aos servizos económicos do Concello “para poder traer ao Pleno os orzamentos antes de final de ano”.
A continuación fixo un percorrido por todos os capítulos do presuposto. En relación ao de gastos correntes en bens e servizos, que supera os seis millóns de euros e supón o 55 % do total, inclúense neste apartado os custes de servizos municipais básicos -entre eles, mantementos, limpeza e iluminación pública-, contemplándose as estimacións da revisión á alza que implica o incremento do prezo das fontes enerxéticas. Outros programas incluídos nesta área son os culturais e deportivos, garantindo por tanto a ampla oferta para todos os públicos, tanto de eventos como de actividades, que se leva a cabo ao longo de todo o ano baixo a organización directa do Concello. Do mesmo xeito, tamén se mantén o apoio económico ao tecido asociativo municipal.
O rexedor municipal puxo en valor o esforzo do Concello coa protección social, a promoción do emprego e o apoio ao sector comercial que se manifesta nos orzamentos, subliñando que “A Laracha conta cun nivel de servizos e infraestruturas equiparable a concellos que nos triplican en poboación e en presuposto”, polo que concluíu que se tratan dunhas contas solidarias.
Tamén destacou o esforzo investidor, con 1,3 millóns de euros (o 12,13 % do total dos orzamentos) que terán por fin o financiamento de proxectos de mellora de infraestruturas públicas e equipamentos relacionados coa sustentabilidade e cunha máis óptima xestión dos residuos. Trátase da instalación de placas fotovoltaicas para o autoconsumo eléctrico de edificios municipais, a ampliación do punto limpo e a adquisición dun novo vehículo para a recollida de lixo. Tamén quedan consignadas partidas orzamentarias para o Plan de conservación da rede viaria municipal e para a compra dun vehículo que estará a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. Ademais, no capítulo 7 (transferencias de capital) inclúense os máis de 108.000 euros da achega municipal para as obras de construción do novo depósito de auga e a mellora da estación potabilizadora de Gabenlle. E outros investimentos que se realizarán en 2024 son a rehabilitación integral da Casa do Concello, a reforma da casa reitoral de Montemaior e a mellora dun tramo do paseo marítimo de Caión.
Afondando neste capítulo, o José Manuel López Varela apuntou que “actualmente temos en execución ou en proceso de contratación proxectos de investimento en infraestruturas por un importe de 3.438.695 euros”.
No capítulo de persoal o presuposto contempla o incremento do 2 % das retribucións actuais segundo o previsto no Acordo Marco cos sindicatos para o período 2022-2024. Esta actualización de salarios é porcentualmente idéntica nos correspondentes ao funcionariado, ao persoal laboral e aos membros do grupo de goberno con dedicación exclusiva, polo que o alcalde expresou que a valoración dos grupos da oposición, que afirmaron que a subida dos soldos da parte política era do 15 %, se trata dunha “mentira totalmente intencionada”.
López Varela finalizou recalcando que as contas son “cautas e prudentes como as que facemos anos tras ano”, destacando a “moitísima precaución que presentan nos ingresos” e achegando o dato de que no exercicio actual o orzamento non alcanzaba os dez millóns de euros e vai pecharse en case quince millóns, o que supón un incremento de máis do cincuenta por cento con respecto ás previsións iniciais.