Mulleres todo o ano. Por @DulceCorcu

Soe haber, nos treitos finais de cada período de doce meses, mencións e mesmo galardóns a iso que dan en chamar «Muller do ano» para destacar un labor concreto en diferentes ámbitos. Un título que este ano ben podería recaer en Claudia Goldin, primeira muller en solitario en facerse co Nobel de Economía por un estudio no que resalta os atrancos das mulleres á hora de enfrontarse a unha igualdade salarial moi lonxe de ser real. Tamén Aitana Bonnatí, Balón de Ouro en fútbol e, coma non, a Selección Española Campioa do Mundo que, ademais do éxito na cancha, puxo sobre o tapete o machismo aínda inherente a ese mundo tradicionalmente masculino, despois de que medio planeta puidese ver ao presidente da RFEF bicando a unha das xogadoras na boca na quenda de felicitacións.

Unha imaxe que servía o debate sobre algo que tantas veces se dá por sentado: o consentemento. E tamén a necesidade de non normalizar o abuso de poder, algo moi cotián para tantas mulleres nos seus postos de traballo. Pero moi especialmente para concienciar ás novas xeracións de xogadoras de que o machismo está aí, e que de todas depende combatelo para que algún día as que veñan detrás non teñan que coñecelo nin sufrilo. Cada xesto, cada pequena loita serve para que quizais algún ano deixemos de contabilizar vítimas de violencia de xénero, ou sexan moitas menos das cincoenta e catro deste 2.023 aínda sen rematar. Ou para que esa brecha salarial que valía o Premio Nobel de Economía a Claudia Goldin se reduza cada vez máis, que rache co teito de cristal que aínda pesa sobre a cabeza de mulleres que viven atrapadas baixo del porque sempre hai un home diante. Que nunca poderán demostrar toda a súa valía porque son mulleres. Únicamente por iso. Aos poucos, conseguiremolo. A base de unión e forza, de batallar xuntas en causas nas que nos van tantísimas cousas, pero sobre toda a vida. Esa que nos arrebatan como se nada para despois tirarnos ao lixo e sen que pase exactamente iso: nada. Moitas mulleres merecen ser nomeadas e recoñecidas, mulleres de todo o mundo día tras día, anónimas, lonxanas, doutras razas e culturas…Pero todas enfrontadas ao reto de vivir o ano enteiro baixo a pel dunha muller. E iso precisamente é o que une para sempre, e para todo.

Foto: Partido de Liga da Costa Feminina no Campo Vicente Carril de Camariñas entre a E.F. Juan Cabrejo e a U.D. Corcubión, xuntas no Día Contra a Violencia de Xénero no pasado 25N. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios