Ecoloxistas en Acción Galiza » Atlántica e Verde» (EcoloxistasEnAccion.org)
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de estimar a pretensión da asociación Ecoloxistas en Acción Galiza » Atlántica e Verde» (EcoloxistasEnAccion.org) para a suspensión cautelar da executividade da resolución dictada pola Direción Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, que outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do parque eólico «Alto de Montouto» sito nos concellos da Cañiza e de Covelo (Pontevedra).
O auto ditado polo TSX non conta con nengún voto particular e estima a pretensión da asociación ecoloxista en base a «división artificiosa do parque e defectuosa tramitación da información pública».
O TSX razoa que dado que conflúen varios parques eólicos nas inmediacións do proxecto «Alto de Montouto», non poden «dar por enteiramente veraz» a declaración de impacto ambiental (DIA) do mesmo, nin os informes que a apoian: «Persiste a incógnita sobre se a DIA refire a radiografía exacta do medio ou estaría mediatizada pola fragmentación artificiosa do parque».
Amais, subliña que «non cabe ter dúbidas» de que «existen moitas posibilidades de que a afectación ao medio sexa efectiva e irreversible».
Apoiándose no principio de precaución do Dereito Comunitario, afirma que de nada valería permitir a execución do proxecto empresarial, se posteriormente «hai que desfacer o status quo a costa do erario público».
Doutra banda, tamén se vería perxudicada a promotora que vería paralizada de maneira permanente a construción e explotación da súa empresa eólica.
O auto do alto tribunal galego tamén recalca que o amplo lapso temporal de espera na vía administrativa que padeceu a empresa promotora para obter a autorización, fai que non sexa «moi equitativo pola súa parte» achacar a culpa da caducidade das autorizacións administrativas que se puidesen producir á xustiza.
Finalmente, o auto recoñece que a asociación ecoloxista «invoca con éxito» a doutrina da aparencia de bo dereito para conseguir a inmediata suspensión cautelar do acto administrativo, pois alega sentencias da Sección Terceira anulando actos substancialmente similares relativos á autorización de parques eólicos.