O Alcalde da Laracha entregou os premios ós gañadores do programa «Agasalla comercio local»

por Redacción A Coruña

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, fixeron hoxe entrega dos regalos do programa Agasalla comercio local, ten premio ás persoas agraciadas no sorteo realizado entre todas as tarxetas rasca e gaña que foran depositadas nas urnas habilitadas nas tres bibliotecas municipais.

Os premios foron os seguintes:

  • Videoconsola PlayStation 5: Ángela María Loureiro García.
  • Xamón ibérico: Juan José Cotelo Outeiro.
  • Experiencia turística: Sonia Mariño Cotelo.

O Concello impulsou esta iniciativa co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade, atraer e fidelizar á clientela e subvencionar as compras dos cidadáns.

Puxéronse a disposición dos establecementos adheridos un total de 10.000 tarxetas rasca e gaña para entregar aos clientes por cada compra de dez euros. 1.000 desas tarxetas contiñan un premio directo de dez euros para consumir no comercio local e nos servizos de proximidade, e para as 9.000 restantes ofrecíase a oportunidade de depositalas nas urnas cos datos persoais para entrar no sorteo dos tres regalos, que están valorados nun total de 1.000 euros.

O alcalde aproveitou o acto para avanzar que neste ano 2024 o Concello ten previsto levar a cabo novos programas de apoio ao sector do comercio local despois das experiencias positivas tanto de Agasalla comercio local, ten premio como de Eu merco na Laracha realizadas en 2023.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario