Formoso destaca a «aposta pola inclusión e a igualdade» de Hornos Lamastelle, onde traballan 110 persoas con discapacidade

por Redacción A Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Hornos Lamastelle, en Oleiros, un centro especial de emprego de iniciativa social que forma parte de COGAMI Empresarial e produce empanadas e bolería fresca.

Acompañado de Mar García Vidal, deputada provincial de Política Social, Ramón Sestayo, vicepresidente de Cogami, Víctor Silva, conselleiro delegado de Cogami Empresarial, Manuel Santos, xerente da empresa e Herminio Martínez, presidente de Cegasal, Formoso coñeceu a historia e evolución da empresa, fundada hai tres décadas, e percorreu as instalacións da fábrica, que dá emprego a 110 persoas, a maioría delas con algún tipo de discapacidade.

«Hornos Lamastelle é un exemplo de que a igualdade de oportunidades non está reñida coa competitividade e a eficiencia empresarial», afirmou Formoso, que destacou a importancia de que as administracións «se impliquen, coñezan e valoren a importancia das empresas de economía social», un sector que en Galicia supón o 7% do PIB, sostén 17.000 empregos e factura 2.500 millóns de euros anuais.

Formoso destacou que «é un orgullo ver cómo funcionan iniciativas como esta, proxectos empresariais que fan que a integración laboral das persoas con discpacidade sexa real, que comezaron de forma modesta e van evolucinando e crecendo en base á súa aposta pola innovación e calidade» e considerou que «a lexislación ten que acompañar, distinguindo inciativas de economía social reais coma esta doutras que só se barnizan como centros especiais de emprego.»

Pola súa banda, o conselleiro delegado de Cogami Empresarial, Víctor Silva, coincidiu con Formoso na importancia de que «as administracións se impliquen e coñezan directemente a nosa realidade».

«Hornos Lamastelle é unha das once iniciativas de Cogami Empresarial que da emprego a máis dun centenar de persoas, das que máis 90% teñen algún tipo de discapacidade. Detrás de cada unha destas persoas hai unha historia de inclusión», afirmou Silva

Silva destacou tamén a importancia de apostar pola economía social «para lograr sociedades mais fortes, inclusivas e cohesionadas».

Visita ao centro ocupacional Lamastelle de Aspronaga

Valentín González Formoso e Mar García Vidal visitaron tamén esta mañá o centro ocupacional e o centro de día de Lamastelle, xestionados por Aspronaga.

Os responsables da entidade explicaron que os centros dan servizo a 375 persoas con discapacidade con servizos como residencia, centro de día, centro ocupacional, servizos de ocio e educación, apoiando a inclusión social e laboral.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario