O secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, participou hoxe en Santiago no acto de entrega dos premios Traballo Digno da Fundación Luís Tilve, que este ano recoñecen a traxectoria de dous líderes históricos do sindicalismo en Galicia: José Carrillo, secretario da unión comarcal de UGT na Coruña entre 1992 e 2020 e Suso Díaz, líder de CC.OO en Galicia entre 1989 e 2000.
Formoso sinalou que a Fundación Tilve rende homenaxe “a dous símbolos do sindicalismo neste país, sempre comprometidos na defensa dos dereitos dos traballadores durante unha época de moitos cambios, na que se gañaron moitos dereitos e na que se avanzou moito”.
O secretario xeral dos socialistas galegos destacou que o seu legado permanece e inspira hoxe ás novas xeracións e sinalou que “a conclusión é que mereceu a pena”. “Seguro que pasaron días difíciles porque todo este traballo non se fixo sen renuncias persoais e familiares, pero traballando en corpo en alma por aquelo no que cres”.
Formoso destacou aludiu á traxectoria de Díaz e Carrillo para destacar a importancia do entendemento, “fundamental tamén na política”, fronte aos que practican unha confrontación permanente que considerou “letal”.
Finalmente, instou a “responsabilizarse da pequena etapa da historia do mundo que nos toca vivir para que as xeracións que veñan detrás podan aproveitar o feito, o que nos deixaron persoas como Pepe e Suso”.