Hoxe, 12 de xaneiro, é o Día da Morte Digna en Galicia. E vén sendo así dende hai anos.

por Redacción Galicia

Este Día ten como fundamento a defensa do dereito a decidir sobre a propia vida que proclamou Ramón Sampedro, quen nun día coma hoxe, hai vinteseis anos, morría coa axuda de xente que o quería, poñendo así fin a unha vida que vivía como indigna. E ten como razón, ademais do recordo, a necesidade de avanzar no respecto aos dereitos das persoas e á súa dignidade en tódalas etapas da súa vida, tamén na etapa final.

É necesario este día, para non esquecer e para facer visible o que queda por facer. E queda moito.

Temos logrado avances moi importantes. A Lei de Eutanasia é especialmente destacable.

Pero non podemos deixar de sentir o risco que no pasado ano pesou sobre o dereito recoñecido legalmente da axuda para morrer.

Foi neste ano pasado cando o Tribunal Constitucional tivo que resolver a ameaza legal que os sombríos partidos da dereita botaron, cos seus recursos de inconstitucionalidade, sobre o dereito á eutanasia. Canta inquedanza crearon en tantas persoas que temeron sentirse abocadas a un final de sufrimento se a Lei se derrogaba.

Foron rexeitadas as súas pretensións polo Tribunal Constitucional e fíxose patente que se ata hai case dous anos non se podía exercer este dereito era porque quen tiña o poder non quería, porque só consideraba respectable unhas crenzas, as súas.

Tamén neste ano que rematou foi cando asistimos á defensa de programas electorais deses mesmos partidos nos que, ou ben propoñían derrogar a Lei ou ben limitala substancialmente. Perderon as eleccións.

Mentres, a Lei vai materializándose aínda que con dificultades. Causadas en ocasións por accións de obstrución, e máis a miúdo pola pasividade da propia Administración Autonómica na facilitación, promoción e defensa dos dereitos das persoas na fase final da súa vida.

É así que en Galicia padecemos carencias importantes na atención sanitaria e social ao final da vida; ou na dotación, sensibilización e formación de profesionais para prestar a atención ás persoas nesa etapa; ou na información á sociedade sobre os seus dereitos e a súa forma de exercelos; e estamos case ao final da cola no Estado Español no rexistro do testamento vital.

É necesario este día, porque ten unha orixe luminosa que sostén o seu brillo xa dende hai vinte e seis anos, porque unha ampla representación social o apoia, porque hai que defender os progresos alcanzados, e porque queda moito por facer para que a etapa final da vida sexa, coas súas características propias e as súas necesidades, identificadas e atendidas, unha etapa máis na que a dignidade e os dereitos das persoas sexan respectados.

Hoxe é o Día da Morte Digna en Galicia, por moito que o pasado sete de novembro, no Pleno do Parlamento de Galicia, esa mesma dereita política, que se opuxo ao dereito á eutanasia, impedira coa súa maioría a aprobación da proposta de institucionalización deste Día. Non se lles pedía moito, pero son así.

Han chegar outras maiorías ao Parlamento de Galicia e veremos o día no que se recoñecerá institucionalmente esta data.

Nós aquí seguiremos, servindo á tarefa eterna de facer avanzar o dereito á liberdade das persoas e na defensa da súa dignidade en tódalas etapas da súa vida, tamén na final.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario