Un apelido ao que apenas hai que poñer apelativo, deses que dan lustre non só ao fútbol, senón a unha comarca e a unha vila en concreto: Camariñas. Porque alí nace Juan Cabrejo e de aí parte o seu fillo Diego, aínda que a súa vida transcurra en Compostela, ese outro fogar onde o «Mago de Corea» vivía anos de esplendor e gloria inesquecibles para todos. Neste presente, aínda que adicado a dirixir a Escola de Fútbol que leva o seu nome e ao equipo sénior do seu lugar natal, Juan Cabrejo é tamén o primeiro seareiro do equipo do seu fillo, xogador xuvenil no Milladoiro S.D. de Santiago.
Nalgunhas tardes de sábado, cando o resto das súas obrigas o permiten, Juan e Diego son moito máis que un tándem familiar, tamén a proba de como o paso do tempo invirte os papeis e agora é o pai o que está na bancada vendo xogar ao fillo, atrás xa aqueles tempos onde acontecía ao revés e Diego vivía unha nenez na que se pai sempre levaba enfundada unha camisola dalgún equipo do fútbol profesional, lonxe da cidade que agora habitan, pero onde se forxaba unha traxectoria aínda inigualable para a inmensa maioría dos xogadores que medran soñando con converterse tamén en ilusionistas do balón. Cabrejo & Cabrejo son parte desas familias do fútbol que enchen cada semana os campos, que transmiten os xens dunha paixón que Diego e a súa xuventude espallan sobre o céspede, mentres o pai, espectador despois de tantos anos de protagonismo, cede o testigo orgulloso para que o seu fillo Diego forxe o seu propio traxecto.