O profesor da Ricardo Cao tomará posesión este martes como novo reitor da UDC

por Redacción A Coruña

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, presidirá mañá martes, día 16 de xaneiro, o acto de investidura do profesor Ricardo José Cao Abad como novo reitor da Universidade da Coruña. O acto terá lugar no Paraninfo da Reitoría ás 12:30 horas e, xunto co reitor, tomarán posesión dos seus cargos as persoas que forman o novo equipo de goberno da UDC. 

Cao vén de ser elixido o pasado 4 de decembro reitor da Universidade da Coruña para os vindeiros seis anos, obtendo 2.983 votos ponderados fronte aos 1.590 que tivo o outro candidato, Fermín Navarrina.

O presidente da Xunta abrirá o acto, que comezará coa intervención de Julio Abalde como reitor saínte, o cal dará o seu discurso de despedida ante o público asistente. A continuación, Carlos Aymerich Cano, secretario Xeral en funcións, procederá á lectura do decreto de nomeamento do novo reitor, Ricardo J. Cao Abad; da nova secretaria Xeral, Marta García Pérez; e das restantes persoas que formarán parte do novo equipo de goberno. Acto seguido, o reitor Ricardo Cao pronunciará o seu discurso de inicio de mandato e o acto rematará coa intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

Estas son as persoas que formarán parte do novo equipo de goberno da UDC:

Reitor. Ricardo Cao Abad 

Licenciado en Matemáticas (1988) con premio extraordinario e 1º premio nacional e doutor en Matemáticas (1990) con premio extraordinario. Catedrático de Estatística e Investigación de Operacións no Departamento de Matemáticas da UDC desde 1999.

Impartiu docencia en titulacións das Facultades de Informática, de Ciencias, de Ciencias da Saúde, de Enfermaría e Podoloxía e de Fisioterapia. Publicou sete libros docentes.

Presidente do European Courses in Advanced Statistics (ECAS) (2009-2014).

É coordinador do Grupo de investigación MODES, recoñecido como de referencia competitiva pola Xunta de Galicia (2007-2023), e membro do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). A súa investigación abrangue os campos de inferencia non paramétrica, métodos de remostraxe, análise de supervivencia, verosimilitude de empírica, análise de datos funcionais, análise estatística de big data e métodos estatísticos en epidemioloxía, xenómica, neurociencia, malherboloxía, oncoloxía e risco de crédito. Autor de 256 publicacións recollidas en Google Scholar, cun total de 3768 citas (h = 34, i10 = 80), en revistas como Annals of Statistics, Biometrika, Journal of the American Statistical Association, Journal of Econometrics e Journal of Chemometrics. Dirixiu quince teses de doutoramento. Foi editor ou co-editor xefe das revistas Journal of Nonparametric Statistics (2019-2021), Computational Statistics (2016-2018) e TEST (2009-2012) e foi/é editor asociado desas mesmas e de Computational Statistics & Data Analysis.

Membro Electo do International Statistical Institute e Fellow do Institute of Mathematical Statistics. Foi galardoado co Premio Nacional de Estatística (2023), coa Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (2023), coa medalla SEIO (Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa) (2022), co Premio Fundación BBVA – SEIO á mellor achega metodolóxica en Estatística (2021) e co Premio SEIO “Ramiro Melendreras” para estatísticos mozos (1989). Actualmente é coordinador do International Symposia on Nonparametric Statistics (ISNPS). Desde marzo de 2020, é presidente do Comité de Expertos en “Matemáticas contra o COVID-19” designado polo Comité Español de Matemáticas (CEMat).

Presidente do Comité Organizador ou Científico e membro do Comité Científico de congresos internacionais, foi tamén ponente por convite en máis de dez congresos internacionais. Impartiu máis de 35 conferencias convidadas en universidades e centros de investigación de todo o mundo, entre eles a London School of Economics, a Université de Paris 6, o Weierstrass Institut de Berlín e o Mathematisches Forschungsinstitut Oberwolfach. Realizou estadías nas universidades de Giessen, Bonn, Louvain-la-Neuve e foi profesor visitante nunhas vinte ocasións en centros de investigación de todo o mundo.

Foi vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (2012-2016), coordinador de Matemáticas na Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (ANEP) do Ministerio de Ciencia (2008-2011) e director do Departamento de Matemáticas (2005-2008).

Ten recoñecidos seis quinquenios docentes e seis sexenios de investigación (un deles de transferencia) e conta con máis de sete anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.

Vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social. Ana Isabel Ares Pernas

Licenciada en Ciencias Químicas pola USC e Doutora pola UDC (Programa en Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros).

Profesora titular de Universidade no Departamento de Física e Ciencias da Terra, é docente no Grao en Enxeñería en Deseño Industrial e Desevolvemento do Producto e no Mestrado Universitario en Deseño Industrial na EUDI, no Mestrado en Fabricación Aditiva e no Mestrado en Eficiencia Enerxética e Sostenibilidade na EPEF. Coordinadora do Grupo de Innovación Docente RSEn Responsabilidade Social nas Enxeñerías. O seu labor docente mereceu diferentes recoñecementos e premios de innovación docente, especialmente polos seus proxectos de aprendizaxe-servizo. Certificado de excelencia Docentia en 2017

e 2022.

Na empresa privada traballou como técnico de calidade do Laboratorio de Control de Calidade da empresa POLIGAL.

Membro do Grupo de Polímeros e Laboratorio de Plásticos do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), investiga sobre o desenvolvemento de novos compostos poliméricos condutores con aplicacións electrónicas e para impresión 3D. Realizou unha estadía posdoutoral na Universidade do Minho para especializarse en reoloxía. Dirixiu tres teses de doutoramento, publicou 46 artigos, participou en 28 proxectos de investigación concedidos en convocatorias nacionais e internacionais. Obtivo o 2º premio na I edición dos premios de investigación Epifanio Campo 2021.

Foi subdirectora da Universidade Senior e é Directora do Campus Industrial de Ferrol.

Ten recoñecidos tres quinquenios docentes, tres sexenios de investigación e conta con catro anos de experiencia en xestión.

Vicerreitor de Titulacións e Internacionalización. Moisés Canle López

Licenciado e Doutor en Química. Catedrático de Química Física.

Docente nos graos en Nanociencia e Nanotecnoloxía, en Química, no mestrado en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión Ambiental e no Doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental. Membro do Grupo de Innovación Educativa ChemInnova. Recibiu en tres avaliacións Docentia a máxima cualificación.

Membro do grupo de referencia competitiva React!, traballa na comprensión dos mecanismos das reaccións químicas e na contaminación ambiental difusa, así como no desenvolvemento de tecnoloxías sustentables para tratamento de augas. Autor de informes técnicos, de artigos científicos, educativos e divulgativos, de capítulos de libros e relator habitual en congresos especializados. Dirixiu 10 teses de doutoramento (4 fóra de España). Participou en medio centenar de proxectos, tendo dirixido varios, e realiza frecuente transferencia con empresas.

Profesor visitante en Padova, Zagreb, Bragança, Rabat, Delft e Nápoles, e investigador convidado en diversas institucións: universidades de Dublín, Newcastle e Coímbra; Institute for Fundamental Research in Organic Chemistry de Fukuoka; e International Iberian Nanotechnology Laboratory de Braga. Investigador Marie Skłodowska-Curie no Max Planck Institut für Strahlenchemie.

É IUPAC Fellow, MSC Fellow e Premio de investigación Epifanio Campo 2021.

Foi decano e vicedecano na Facultade de Ciencias; coordinador do Mestrado en Química Ambiental e Fundamental, do Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, de Prácticas Externas e Responsábel de Mobilidade Internacional. Coordinou para a UDC a Unidade de Divulgación da Cultura Científica.

Actualmente, é director da Cátedra de Empresa EMALCSA-UDC. A nivel internacional, é membro do Subcommittee on Structural and Mechanistic Chemistry da Unión Internacional de Química Pura y Aplicada (IUPAC) e do comité permanente dos European Symposia on Organic Reactivity.

Ten recoñecidos cinco quinquenios docentes, cinco sexenios de investigación e conta con máis de dezaoito anos de experiencia en xestión en cargos unipersoais.

Vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica. Ángel Fernández Castro

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC, máster en Investimento, Financiamento e Análise de Proxectos pola University of York, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola UDC.

Profesor Titular de Universidade da área de Economía Financeira e Contabilidade, no departamento da Empresa.

Docencia principal na Facultade Economía e Empresa, en materias de grao, mestrado e doutoramento relativas a planificación financeira, avaliación de investimentos privados e públicos e análise da eficiencia. Profesor colaborador en universidades de Delaware, Vilna, Sofía, Budapest, Minsk e Madeira, e na USC, Universidade de Vigo e UNED. Autor de tres libros e varios capítulos, e coordinador doutro.

Artigos en revistas académicas como European Journal of Operational Research, OMEGA, JORS, Computers & Industrial ingineering ou Managerial & Decision Economics. Investigador visitante na University of York e membro da Comisión de Selección de Investigación da Xunta de Galicia. Autor de máis de vinte informes técnicos sobre valoración de empresas, avaliación de proxectos de investimento, análises de custos de servizos, concesións públicas e estudos económico-financeiros de proxectos urbanísticos.

Seis anos como vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, catro como director do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, tres anos como director da Cátedra HR-UDC en Desenvolvemento Sostible. Tamén foi coordinador de mestrado, coordinador de programa de doutoramento e vicedecano da Facultade de Economía e Empresa, e é membro do Consello Económico e Social de Galicia.

Ten recoñecidos dous sexenios, un deles de transferencia, e seis quinquenios docentes.

Secretaria Xeral. Marta García Pérez

Licenciada en Dereito e doutora en Dereito con Premio Extraordinario. Catedrática de Dereito Administrativo.

Docente de Dereito Administrativo en varias titulacións, principalmente no grao e nos mestrados da Facultade de Dereito.

Autora de cinco monografías, un libro en coautoría, máis de 50 capítulos en obras colectivas e máis de 100 artigos en revistas xurídicas. Dirixiu 5 teses de doutoramento e participou en máis de 30 proxectos de investigación internacionais, nacionais e autonómicos. No seu currículo destacan varios contratos LOU, especialmente con Administracións Públicas.

Foi membro do equipo redactor do informe sobre Problemas xurídico-administrativos planteados polo Prestige (2002) e formou parte dos equipos redactores das leis de vivienda de Galicia (2007-2008) e de ordenación do litoral de Galicia (2022-2023).

Exerceu o cargo de secretaria Xeral da UDC entre os anos 2001 e 2004. Foi coordinadora do mestrado en Asesoramento Xurídico Empresarial (2006-2008) e secretaria da Comisión Académica do Programa de Doutoramento Internacional en Dereito Administrativo Iberoamericano (2013-2015). Actualmente coordina o mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial e é responsable de Igualdade na Facultade de Dereito.

Exerceu como Maxistrada Suplente no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia entre 2011 e 2014 e foi Directora dos Servizos Xurídicos co Concello da Coruña entre 2015 e 2019.

Ten recoñecidos cinco quinquenios docentes e catro sexenios (tres de investigación e un de transferencia).

Xerenta. María Jesús Grela Barreiro 

Graduada Social Diplomada pola Universidade da Coruña. 

Mestrado Universitario en Dereito: Especialidade en Estudos na Unión Europea. Facultade de Dereito. Universidade da Coruña. 

Funcionaria da Universidade da Santiago desde o ano 1988 e da Universidade da Coruña desde o ano 1992. 

Vicexerenta do Campus da Coruña desde o ano 2006 ao ano 2010. 

Xerenta da Universidade da Coruña desde o ano 2010 ao ano 2012. 

Desde o ano 2014 ao 2024 ocupou o posto de Xefa do Servizo de Retribucións, Seguridade Social e Acción Social. 

Vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade. María José Lombardía Cortiña

Licenciada e doutora en Ciencias Matemáticas. Catedrática de Estatística e Investigación de Operacións no Departamento de Matemáticas da UDC.

Incorpórase á docencia universitaria na USC, impartindo distintas materias nas titulacións de Relacions Laborais, Odontoloxía, Enfermería, Bioloxía, Enxeñaría Química e Matemáticas. No ano 2009 vincúlase á UDC, con docencia en Enxeñaría Técnica Industrial, Documentación, Enxeñaría Informática e Ciencias e Enxeñaría de Datos, Mestrado Universitario en Socioloxía Aplicada: Investigación Social e de Mercados e Mestrado interuniversitario de Técnicas Estatísticas. Na actualidade é profesora da Facultade de Informática.

Investigadora do grupo MODES, adscrita ao CITIC. O seu labor de investigación céntrase en inferencia en áreas pequenas, modelos mixtos, mostraxe en poboacións finitas e métodos bootstrap. É autora de 35 artigos publicados en revistas do JCR, como Journal of the American Statistical Association, Journal of the Royal Statistical Society Series B. Recibiu o premio da Real Academia de Ciencias Galegas por un traballo de investigación correspondente ao 2003. Dirixiu 4 teses doutorais, unha delas na Universidade de Göttingen e outra na Universidade de Xenebra. Participou en máis de 60 proxectos competitivos e contratos de investigación e de transferencia, sendo investigadora principal dunha Acción Integrada con Alemaña e de 5 contratos de investigación.

Secretaria e membro do Consello Executivo da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións, e membro do Consello Executivo da Sociedade Española de Biometría. Dirixiu a Unidade de Análise e Xestión de datos da UDC (2012-2020), e foi membro do Comité de Dirección do CITIC. Desde o 2020 é vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade na UDC.

Ten recoñecidos catro quinquenios docentes e catro sexenios (tres de investigación e un de transferencia).

Vicerreitora de Profesorado. Teresa López Fernández

Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués) pola Universidade da Coruña con premio extraordinario.

Profesora titular de Filoloxías Galega e Portuguesa no Departamento de Letras, imparte docencia nos graos da Facultade de Filoloxía e no mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade. Conta con dúas avaliacións do programa Docentia co resultado de Excelente. É coordinadora do GID consolidado en Literatura Galega.

A súa investigación está centrada na literatura galega contemporánea, especialmente na difusión e na recreación da lírica medieval, na recuperación e na edición de textos inéditos ou descoñecidos e no Rexurdimento. Publicou varias monografías e edicións filolóxicas e numerosos artigos en revistas de referencia nos Estudos Galegos. Responsable de varios proxectos de investigación, coordina o grupo de investigación ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega), recoñecido como grupo de potencial crecemento pola Xunta de Galicia. Dirixiu dúas teses de doutoramento. Realizou estadías de investigación na Universidade de Lisboa, no Graduate Center de CUNY e no INET de Bos Aires.

Foi secretaria académica do Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa, coordinadora dos mestrados en Lingua e Usos Profesionais e en Literatura, Cultura e Diversidade e do Grao en Galego e Portugués. Decana da Facultade de Filoloxía entre 2005 e 2013, desde 2017 é directora do Departamento de Letras.

Ten recoñecidos seis quinquenios docentes, catro sexenios de investigación e conta con máis de vinte anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.

Vicerreitora de Igualdade e Diversidade. Cristina López Villar

Licenciada en Educación Física pola Universidade da Coruña (1993-98) e doutora en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de Vigo (2005). Posgrao en Promoción e Educación para a Saúde pola Universidade de Lleida (2001) e mestrado en Danza Movimento Terapia pola Universidade Autónoma de Barcelona (2007).

Profesora contratada doutora do Departamento de Educación Física e Deporte da Universidade da Coruña desde o ano 2009, anteriormente foi profesora na Universidade de Vigo (2003-2009) e na Universidade de Zaragoza (2001-2003). Completou a súa formación con estadías de investigación na Universidade Católica de América en Washington (2005), na Universidade Estadual de Campinas (2009), no departamento de Cultural and Social Studies da Universidade de Oslo (2012), no Laboratoire-Cultures-Education-Societés da Universidade de Burdeos (2016) e na L’UFR STAPS da Universidade de Nantes (2018).

A súa actividade investigadora actual céntrase na perspectiva feminista aplicada ás Ciencias do Deporte, tanto desde o ámbito da pedagoxía feminista como da historia das mulleres, dirixindo dúas teses doutorais defendidas con este enfoque. Alén da súa colaboración en diferentes proxectos de investigación, que deu lugar á publicación de artigos en revistas como Feminist Media Studies ou The International Journal of the History of Sport, é autora de catro monografías.

Participou como relatora en diferentes congresos, xornadas, seminarios e mestrados en diferentes universidades. Interveu como experta en igualdade no Plan Integral de Actividade Física e Deporte do Consejo Superior de Deportes (2009).

Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC desde 2020.

Ten recoñecido un sexenio de investigación.

Vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte. Mª Cristina Naya Riveiro

Licenciada e doutora en Matemáticas, é profesora contratada doutora da área de Didáctica da Matemática do Departamento de Pedagoxía e Didácticas da Facultade de Ciencias da Educación.

Imparte aulas no grao en Educación Primaria, no mestrado universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e no mestrado universitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria.

Realiza varias iniciativas de aprendizaxe e servizo como actividades de innovación docente, coordina o GID Innovación en Educación Matemática e participou en programas Erasmus (STA). Tres avaliacións do programa Docentia con desempeño notable e sobresaliente.

Membro do grupo de investigación Innovación no ensino das Ciencias e das Matemáticas, as súas liñas de investigación céntranse na formación docente, na ensinanza e na aprendizaxe das matemáticas e na actitude cara elas. Dirixiu unha tese de doutoramento. Publicou artigos e capítulos de libros, ademais de ser participante habitual en congresos e seminarios da súa especialidade. Formou parte do equipo investigador de proxectos autonómicos, nacionais e internacionais e de comités científicos e organizadores de congresos nacionais e internacionais, ademais de ser membro da Comisión de Educación do Comité Español de Matemáticas.

Coordina a Unidade de Divulgación Científica e Cultural desde 2019, o itinerario de Tecnoloxía do mestrado universitario en profesorado desde o 2016 e é secretaria académica do departamento de Pedagoxía e Didácticas desde 2017.

Ten recoñecidos tres quinquenios docentes e un sexenio de investigación.

Vicerreitor de Investigación e Transferencia. Jerónimo Puertas Agudo

Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e doutor pola Universidade Politècnica de Catalunya. Profesor da UDC dende 1994 e catedrático de Universidade dende 2003. É membro do Departamento de Enxeñaría Civil, na área de Enxeñaría Hidráulica, con

docencia na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, nos graos de Obras Públicas, Tecnoloxía da Enxeñaría Civil e no mestrado en Xestión Avanzada da Auga.

As súas principais áreas de traballo son a hidroloxía urbana, a xestión de recursos hídricos e a xestión de inundacións. Realiza colaboracións frecuentes co sector público (Augas de Galicia, MITERD, concellos en Galicia no resto de España) e privado (empresas do sector da consultoría, da auga e da enerxía), a nivel nacional e internacional. Colabora con ONG, axencias de cooperación e entidades multilaterais (Enxeñeiros Sen Fronteiras, Cruz Vermella, Cooperación Galega, AECID, Banco Interamericano de Desenvolvemento, PNUD, Banco Mundial, entre outros) en proxectos de xestión de secas e indundacións en Europa, America Latina, África, e Asia.

Dirixiu 18 teses de doutoramento e foi investigador principal en proxectos de investigación a nivel autonómico, estatal e europeo (actualmente responsable de proxectos nacionais e de WP en proxectos H2020).

É vicepresidente do capítulo español da Asociación Internacional de Investigación Hidráulica (IAHR), vicepresidente da Fundación para o Fomento da Enxeñaría da Auga (que inclúe as 7 universidades públicas máis relevantes neste ámbito) e copresidente das Jornadas de Ingeniería del Agua, que è o máximo foro de debate da enxeñaría hidráulica en España.

Foi coordinador do CITEEC en dúas etapas distintas, subdirector da ETS de Camiños e Adxunto de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia.

Ten recoñecidos seis quinquenios docentes, cinco sexenios de investigación e transferencia e conta con once anos de experiencia de xestión en cargos unipersoais.

Vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade. Sonia Vázquez Díaz

Doutora arquitecta. Mestrado en Urbanismo e en Profesorado de Artes Plásticas. Pertence á área de Proxectos Arquitectónicos do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición.

Profesora Contratada Doutora no grao en Estudos de Arquitectura, o Grao en Paisaxe e o Mestrado Universitario en Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC). Profesora visitante na PUCMM (República Dominicana), no HIT (China), na UMA (Suecia) e na Universidade de Flores (Arxentina).

As súas liñas de investigación céntranse na relación entre arquitectura e emoción, na avaliación estética da arquitectura e na semioloxía arquitectónica, con publicacións en revistas indexadas como BAc, RITA y ZARCH. Participa no Proxecto de Investigación Enfoque Social para a Mellora Ambiental de Asentamentos Rurais Tradicionais, dirixido polo Dr. Jorge Rodríguez Álvarez.

Como arquitecta, formou parte do Estudio Zara de Inditex, construíndo tendas ZARA en 12 países (Canadá, EEUU, España, Grecia, Holanda, Italia, Malaisia, Marrocos, Noruega, Portugal, Suecia e Turquía), entre as que destaca a rehabilitación da antiga igrexa do convento de San Antonio el Real en Salamanca para tenda ZARA. Fundadora do estudo Cohr Arquitectos, especializado en rehabilitación de edificios con valor patrimonial.

Secretaria Académica e subdirectora de Calidade na ETSAC (2021-2023), ten recoñecidos dous quinquenios docentes.

Foto De esquerda a dereita, Marta García Pérez, secretaria Xeral; Mª Cristina Naya Riveiro, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte; Teresa López Fernández, vicerreitora de Profesorado; María José Lombardía Cortiña, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade; Ángel Fernández Castro, vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica; Ricardo Cao, reitor, Moisés Canle López, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización; Sonia Vázquez Díaz, vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade; Ana Isabel Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia; Cristina López Villar, vicerreitora de Igualdade e Diversidade e María Jesús Grela Barreiro, xerenta.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario