Ricardo Cao tomou posesión como Reitor da UDC

por Redacción A Coruña

O acto de investidura foi presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

O profesor Ricardo Cao Abad tomou posesión esta mañá como reitor da Universidade da Coruña nun acto institucional celebrado ante multitude de persoas no Paraninfo da Reitoría e no que tamén tomaron posesión dos seus cargos os membros do novo equipo de goberno na UDC. 

O acto de investidura estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación, Formación e Universidades, Román Rodríguez González; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey García; e os presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades públicas galegas: Antonio Abril Abadín, da Universidade da Coruña; Cecilia Sierra Rey, da Universidade de Santiago de Compostela; e Ernesto Pedrosa Silva, da Universidade de Vigo. Tamén asistiu o reitor saínte da UDC, Julio Abalde Alonso.

A sesión comezou coa intervención de Julio Abalde, quen pronunciou o seu último discurso como reitor en funcións, felicitando a Ricardo Cao e ao seu equipo e desexándolles moita sorte nesta nova etapa. Abalde fixo un repaso do que foi o seu período de goberno, que entre outras vicisitudes, pasou por unha pandemia “á que a UDC fixo fronte grazas á súa infraestrutura tecnolóxica e metodolóxica, e da que coa responsabilidade e colaboración de toda a comunidade universitaria a institución saíu reforzada”.

Destacou o impulso a proxectos estratéxicos, como “a creación do Centro Mixto UDC-Navantia, que está a colaborar na modernización e dixitalización do estaleiro de Ferrol” e “a Cidade das TIC, de transformación da Fábrica de Armas nun espazo de innovación tecnolóxica e que, xunto coa Facultade de Informática, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e a decisión do Goberno de situar a Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA) na cidade da Coruña, son unha oportunidade para Galicia de ser unha referencia europea e mundial nun sector de futuro, xa de presente, como é a Intelixencia Artificial”.

O reitor saínte agradeceu emocionado ás persoas que o acompañaron durante o seu mandato, coas que formou un “equipo conxuntado e solidario, pero sobre todo, un grupo de amigos e amigas que traballamos nun proxecto común e ilusionante en defensa dunha universidade pública, galega, de calidade e innovadora”.

Tras o seu discurso de despedida, Abalde entregou o bastón de mando e a medalla de reitor a Ricardo Cao, quen a continuación tomou posesión do seu novo cargo, seguido da nova secretaria Xeral, Marta García Pérez, e o resto das persoas que compoñen o equipo de goberno.

O novo reitor pronunciou o primeiro discurso do seu mandato, afirmando que desenvolverá a súa acción de goberno baixo o lema que entende a universidade pública feita entre todas as persoas; “por e para todas as persoas”, puntualizou. “Toda a comunidade universitaria ten que ser escoitada”, indicou, “mais tamén ten que poñerse mans á obra para facer da UDC a mellor universidade posible”, engadiu.

Posteriormente, o novo reitor resumiu as propostas do seu equipo de goberno de cara ao futuro, tomando tres versos do himno galego como referencia: “Os tempos son chegados”, “Esperta do teu sono” e “Os bos e xenerosos”. 

Segundo Cao, “os tempos son chegados de facer unha aposta clara e inequívoca pola universidade pública de calidade. Neste sentido, recordou que entre os aspectos positivos da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), se atopa o aumento do financiamento ás universidades públicas ata chegar ao 1% do PIB no ano 2030. “Temos que aproveitar o establecido na LOSU para conseguir que as administracións públicas, e nomeadamente a Xunta de Galicia, incrementen o financiamento ás universidades”, comentou.

Con “esperta do teu sono”, Ricardo Cao referiuse á necesidade de acometer cambios, algúns deles estruturais. “A renovación xeracional do persoal, e nomeadamente a do persoal docente e investigador, é unha necesidade urxente”, afirmou. “Tamén o é intensificar a participación da comunidade universitaria nos órganos de goberno e nos procesos de decisión, afondando na corresponsabilidade na gobernanza, mudando o que haxa que mudar e traballando arreo de cara aos obxectivos fixados”, engadiu.

Co verso “os bos e xenerosos”, o novo reitor resume algúns aspectos que considera fundamentais e “que están no ADN da acción de goberno desenvolvida nos últimos 20 anos na UDC: a igualdade de oportunidades para o estudantado e tamén para o persoal, a xustiza social e a rendición de contas”, mais tamén cuestións como “o aumento da eficiencia na xestión e a consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS)”. 

Neste sentido, Cao asegurou que a acción de goberno do seu equipo vaise guiar polos principios de humanización, equidade (incluíndo a igualdade e a atención á diversidade) e participación e que “se porá en práctica de xeito inminente na elaboración duns novos Estatutos e na reforma da relación de postos de traballo”.

Ademais, o incremento da internacionalización da Universidade, a captación selectiva de talento docente e investigador, así como do talento xurdido na propia UDC “serán elementos clave no futuro inmediato”, indicou. “Estes procesos podemos e debemos facelos tecendo alianzas estratéxicas, tamén co sector produtivo e con outros axentes sociais”, engadiu.

Cao realizou unha mención especial á intelixencia artificial e a ciencia de datos como disciplinas “indispensables para acometer cambios que melloren a calidade de vida dos seres humanos” e avogou polo seu sometemento a unha regulación axeitada por parte das axencias de supervisión que se creen na Unión Europea ou nos distintos Estados, como a AESIA, con sede na Coruña.

“A ciencia e a investigación, así como a súa aplicación e transferencia, son os elementos que caracterizan á universidade pública de calidade que defendemos e defenderemos desde este equipo de goberno”, puntualizou o novo reitor.

Finalmente, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de pechar o acto, quen felicitou ao novo reitor e desexoulle éxitos no seu mandato. Ademais, na súa intervención tamén puxo en valor “o importante papel que desempeña o sistema universitario galego á hora de configurar a Galicia do futuro”. Por iso, ratificou unha vez máis, que “os campus galegos seguirán contando co apoio e colaboración da Administración autonómica”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario