Patricia Iglesias e Julio Abalde visitan TRAMEVE para comprometer o seu apoio aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro

por Redacción A Coruña

Os candidatos do PSdeG pola provincia da Coruña critican que a Xunta non estea a diferenciar os centros “sen ánimo de lucro como estes e os que si o teñen, que se aproveitan moitas veces das mesmas bonificacións fiscais”

Patricia Iglesias e Julio Abalde, candidatos do PSdeG pola provincia da Coruña ás vindeiras eleccións autonómicas, visitaron o centro especial de emprego sen ánimo de lucro TRAMEVE, en Santiago de Compostela.

Acompañou aos candidatos o secretario xeral do PSdeG provincial Bernardo Fernández Piñeiro, que destacou que TRAMEVE é “unha empresa punteira e pioneira da economía social, da incorporación das persoas con discapacidade ao mundo laboral”. “En colaboración con FEGASAL, son todo un referente de inclusión”, sinalou.

“O compromiso da nosa formación política coa incorporación das persoas con discapacidade ao mundo laboral é total, como vimos demostrando nos últimos anos con feitos”, afirmou Bernardez Piñeiro, que reivindicou que “as persoas con discapacidade poden desenvolver un proxecto vital perfectamente autónomo a través da súa integración no mundo laboral”.

Pola súa banda, a cabeza de lista Patricia Iglesias afirmou sobre TRAMEVE que “significa moito o labor que desenvolven para a economía social galega, polo que asumimos como propias as súas reivindicacións”.

“A Xunta de Galicia non está a diferenciar entre os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro como estes e os que si o teñen, que se aproveitan moitas veces das bonificacións fiscais sen desenvolver realmente o mesmo traballo”, criticou Iglesias. “Hai que lembrar que TRAMEVE e os centros das súas características reinvirten todos os seus beneficios na súa propia función de favorecer a inclusión”, puntualizou.

A candidata lembrou a este respecto que “dende o Goberno de España estase a tramitar un proxecto de lei de economía social que vén aclarar esta problemática”.

O candidato número 2 pola provincia e ex-reitor da UCD, Julio Abalde, recalcou que “o Partido Socialista traballa arreo para que a igualdade de oportunidades sexa un eixo fundamental da nosa sociedade, e o acceso ao emprego é un dos principais requisitos para isto”.

“Seguiremos traballando en crear as condicións legais óptimas para que estes centros se poidan desenvolver axeitadamente”, comprometeu o socialista.

Abalde explicou que cando era reitor da UDC esta tiña “un programa chamado Espazo Compartido, que servía para dar a formación necesaria para incorporarse ao mundo laboral a esas persoas que tiñan algún tipo de dificultade para seguir estudos universitarios”.

“Todos temos que traballar cara a este obxectivo, e dende logo o Partido Socialista o fará da man do sector e das empresas que traballan neste ámbito”, concluíu Abalde.

Comparte éste artículo
1 Comment