Besteiro compromete cos mozos a desbloquear a Lei de Vivenda para garantir alugueres a prezos asequibles

por Redacción A Coruña

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, compartiu esta noite cos mozos e mozas a preocupación polo “gran problema da vivenda en Galicia, que afecta especialmente á xente nova que esixe un lugar digno onde vivir a prezos asequibles”, sinalou.

Do mesmo xeito, criticou que a Xunta “non mova un dedo” por cambiar esta situación a pesar de ter as competencias en materia de vivenda, sendo que “deixaron sen investir 7 de cada 10 euros orzamentados” e que “en tan só dous anos do goberno de Touriño (2006 e 2007) construímos 7.241 vivendas de promoción pública, mentres que en todos os anos de Feijóo e Rueda só 6.313”, apuntou o Besteiro sobre o que para el é “unha década perdida en política de vivenda”. Adiantou que ao lograr a Xunta “os socialistas actuaremos de forma contundente, en primeiro lugar permitindo aos concellos a delimitación de áreas tensionadas para limitar o prezo do aluguer”.

Tamén lamentou a resposta do goberno galego ante a crise da marea plástica e criticou que en Galicia tivéramos que pasar do “Nunca Máis” ao “Outra Máis” pola “incompetencia do goberno do PP”. “Non pode ser que o presidente tarde máis dun mes en pisar unha praia”, expuxo o socialista quen tamén remarcou que “os galegos merecémonos un goberno que nos diga a verdade”. Así mesmo, lembrou que “os socialistas estaremos este domingo coa xente do mar” na manifestación convocada en Santiago de Compostela.

Besteiro falou destes temas na súa intervención no encontro mozo organizado polas Juventudes Socialistas de España e as Xuventudes Socialistas de Galicia, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o secretario xeral de JSE, Víctor Camino, realizado con motivo da Convención do PSOE organizada esta fin de semana na Coruña.

Comparte éste artículo
1 Comment