O líder nacionalista anti-dunas do Concello de Laxe, o Señor Pose, volve sorprendernos coa súa intranquilidade polo actual estado natural do pequeno río do Lago que desemboca, a duras penas, no centro da praia urbana de Laxe. Evidentemente non podemos convencer a un terraplanista confeso do verdadeiro problema que ten a vila a corto prazo, a subida do nivel do mar, un asunto que afecta a todo o Planeta e as súas tráxicas consecuencias só teñen solución neses países onde fai décadas que se tomaron medidas intelixentes, creación de diques, dunas artificiais e outras moitas alternativas que aquí non se tiveron presentes.
Parte de Laxe edificouse encima dun sistema dunar ou protodunar de miúdas dunas rampantes que teñen uns 12.000 anos de antigüidade, segundo asegura José Ramón Vidal Romaní, “catedrático de Geodinámica Exterior de la Universidade da Coruña, y director de lo que fue el Laboratorio Xeolóxico de Laxe, creado por Isidro Parga Pondal, y hoy es el Instituto Universitario de Xeoloxía”.
Os datos oficiais da subida do nivel mariño mundial que fai anos publicou Climate Central co dato de como quedaría a costa coa subida de un metro, tendo presente que vai subir máis, deixa patente que parte dos Concellos costeiros galegos quedarán nun futuro cortoplacista sumerxidos baixo o mar, sen unha solución barata, rápida e sinxela, exceptuando a evacuación. E este é o problema grave que ningún partido político se atreve a poñer sobre a mesa namentres, os de sempre seguen coas letanías de sempre, preocupados de se un río vai cara á esquerda ou cara á dereita, e esquecendo asuntos moito máis importantes como querer seguir urbanizando zonas inundables porque o nome do río do Lago, estimado lector, ten ese nome porque alguén tivo moi claro como bautizar ese río que formaba a lagoa de Serantes preto do Cabo de Area onde algún iluminado plantou un colexio público, IE Cabo da Area, a uns metros do mar máis bravo de Europa.
Ningunha duna, natural ou artificial, parará o avance imperioso da marea. O mar, dicían os máis sabios da aldea, colle sempre o que é seu.
Comunicado do BNG de Laxe:
Como se pode comprobar nas fotos, este goberno do PP de Laxe volve facer historia, neste caso co río do Lago, posto que nunca chegara a desembocar no mar á altura do calexón de Pepucha.
Dita situación transforma por completo a xa de por sí deteriorada fisionomía da praia urbana de Laxe, sen dúbida a mellor praia de Galiza.
Polo tanto, no vindeiro pleno ordinario do xoves 25 de xaneiro, o BNG de Laxe preguntará ao goberno municipal por que non se abriu, como sempre se fixo, a saída ao mar á altura de onde o río toca a praia.
#laxemerecemáis