Fai xa catro anos destas imaxes onde aparecen as miñas mans limpando este peixe, para dispoñerme a facer de comer, onde atopaba estes anacos de cordel verde no estómago dunha cría de abadexo.
Entre as mentiras e as medias verdades de uns e outros existen cara e cruz dunha mesma moeda. As análises encargadas pola Xunta indican unha pequena parte de toxicidade, nada alarmante, no material do que están compostos os pélets polo que, as frases dalgúns altos mandos da Xunta non se axustan á realidade, pero, evitar o alarmismo e esaxerar un “vertido de pequenas dimensións” tamén ten as súas lóxicas para non prexudicar o sector do mar.
O que si é certo é que o lixo mariño e os microplásticos non son nada bo para o océano en xeral. Pescamos con escabelas, rapalas, vinilos, poteras e outros artefactos artificiais que simulando peixes pequenos ou cebos logran enganar as luras e os peixes depredadores, polo que é máis que evidente que os peixes si que tragan, por erro, algúns plásticos e materiais artificiais.
Pescamos con plástico.
Que os pélets floten e non teñan a aparencia de ningún peixe-pasto supón que moi posiblemente acaben a deriva nalgunha praia ou coido sen ser inxeridas por peixe ou marisco, aínda que esta afirmación estará colgada por dúas pinzas ata que as analíticas futuras confirmen esta suposición, de colleita propia. A basura mariña, un gran porcentaxe dela procedente do propio sector pesqueiro, é un grave problema de saúde que deben combater nun futuro a corto prazo, unha loita de todos. A descoordinación nas limpezas, os erros graves das administracións e as frases estúpidas farán dano o resultado das autonómicas ó presidente Alfonso Rueda, pero, a esaxeración das oposicións, convencidos da súa vitoria electoral, grazas a un contedor de boliñas resinosas tamén é outro erro grave que vai contra o avance crecente dos dous partidos con opcións reais, PSOE e BNG, e novamente o oportunismo e o alarmismo esaxerado por interese electoral producirá o efecto contrario entre os votantes indecisos.
En resumidas contas podemos dicir a boca chea que os pélets non son comestibles, os peixes si que son comestibles, mariscos, etc, e as limpezas nas praias deberan ter persoal das empresas do buque, o mando das mesmas, coa axuda de operarios dos Concellos e organizacións ecoloxistas dun xeito organizado e intelixente, e non o totum revolutum que estamos presenciando, non son necesarios voluntarios e é lamentable que non se dirixa adecuadamente estas xornadas de limpeza. Para os espectadores da a sensación de que non hai ninguén no timón do barco e iso crea unha moi mala sensación de falta de responsabilidade política.