O PSdeG-PSOE presentou na lonxa de Cabo de Cruz, en Boiro, a moción sobre a crise derivada do vertido de pellets que a organización presentará en todos os concellos.

Fíxoo nunha rolda de prensa na que participaron, entre outros, Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG provincial da Coruña, Luis Ruiz, tenente de alcalde de Boiro e coordinador comarcal no Barbanza, e varios membros da candidatura ás autonómicas na provincia. Concretamente, Silvia Longueira, Aitor Bouza, Montse García Chavarría e mais a boirense María Outeiral.

Fernández Piñeiro comezou a súa intervención manifestando o compromiso da organización “co sector do mar, un compromiso de verdade e non de slogan”. “O PP di defender Galicia, pero iso faise con medidas concretas, defendendo aos galegos e ás galegas”, critica.

“Estamos atravesando unha crise derivada do vertido de pellets nas nosas costas, e a Xunta de Galicia pretende darlle á volta e acusar de danar a imaxe do produto galego a aqueles que poñen de manifesto a pésima xestión que están facendo da catástrofe”, lamentou o socialista.

“A imaxe dos produtos do mar galegos, que son dunha gran calidade, a dana quen non cumpre co seu traballo e minimiza unha problemática tan grave como esta, tardando un mes en actuar e pretendendo responsabilizar a outros da súa ausencia de xestión”, reponde o secretario xeral provincial.

Fernández Piñeiro explica que “o plástico non pasa á cadea trófica dun día para outro, é un problema a longo prazo, e por iso é tan importante actuar na costa non só cando hai un desastre destas características, porque hai moitísimo plástico no mar e nas praias e a Xunta leva moitísimo tempo sen atender a isto”.

O tamén alcalde de Pontedeume lembrou que “tivo que ser a Deputación Provincial da Coruña a que sacase liñas de subvención para que os Concellos poidamos manter limpas as nosas praias durante o verán ante a inacción da Xunta”.

Por outra banda, Luis Ruiz afirmou que o Goberno galego “non asume a súa responsabilidade, xa que incluso mandaron unha carta aos concellos para que estes lle desen solución ao problema”. “Isto é ao que nos ten acostumados a Xunta gobernada polo Partido Popular”, lamenta o tenente de alcalde de Boiro.

“Imos presentar unha moción en todos os concellos, porque aínda que non é a Xunta a culpable deste vertido, o que se agarda deles é un mínimo de coordinación e de organización para solucionalo”, anunciou Ruiz. “Iso é o que lle estaban berrando onte en Santiago, iso é o que lle berra a nosa veciñanza”, dixo en referencia á multitudinaria manifestación en protesta coa xestión da problemática.

O obxectivo desta moción é “que se lle proporcionen aos concellos os recursos humanos, económicos e materiais que sexan necesarios para afrontar a crise dos pellets, e tamén que se busque aos culpables e que sexan estes os que paguen polo que estamos a sufrir”, concluíu Ruiz.

Comparte éste artículo
1 comentario