Os candidatos da provincia de Lugo apostan, da man de Alfonso Rueda, por unha campaña de «feitos e non de promesas»

por Redacción Lugo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, realizou onte xunto aos 19 membros da candidatura pola provincia de Lugo unha fotografía de familia fronte á muralla de Lugo, onde os populares reivindicaron a súa aposta pola política dos feitos e non das promesas.

A candidatura do PP da provincia de Lugo ás eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, encabezada por Elena Candia, promete «unha campaña de proximidade para facer chegar aos lucenses o proxecto de Alfonso Rueda para  Galicia da man do partido que máis se parece aos lucenses e aos galegos».

O seu obxectivo é «garantir en Galicia un goberno estable e con sentidiño» que «traballe dende a honestidade para xestionar e defender aos galegos» fronte a «un posible multipartito que defende os intereses de Sánchez e do independentismo».

A presidenta provincial e cabeza de lista, Elena Candia defende a «política realista, a de tomar as medidas que os galegos precisamos e merecemos, a de cumprir a palabra, a de atender ás persoas e a de apoiar o desenvolvemento da provincia; non a de prometer antes das eleccións e cambiar de opinión despois».

De aí a súa intención de «facer unha campaña contando a verdade á xente», que «xa sabe o que aportou o besteirismo e o nacionalismo á nosa provincia» e que «non sería positivo que se trasladase a Galicia».

«PSOE e BNG presumen constantemente do que carecen, tal e como os seus feitos demostran. Pola contra, o Partido Popular ten demostrado traballar dende a seriedade e pegado ao territorio», conclúe a número un da candidatura por Lugo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario