A vila de Allariz acollerá ás persoas das diferentes comunidades autónomas que guían este proxecto participativo. O proxecto piloto, chamado “O Camiño da Economía Social e Solidaria”, ten como obxectivo dar visibilidade e valorizar as cooperativas, proxectos e iniciativas de diferentes sectores con base nunha economía alternativa e responsable a través da creación de experiencias turísticas sustentables.
Entre as cinco CCAA xa son máis de 180 iniciativas interesadas en formar parte e poder ofertar experiencias turísticas alternativas como complemento á actividade principal dos seus negocios. No caso de Galicia, se ben están vinculadas 40 iniciativas, até o momento só están sendo probadas na plataforma web 9 experiencias que inclúen desde a divulgación e protección a través de actividades de snorkel nas Illas Cíes; experiencias gastronómicas con productos locais e ecolóxicos; obradoiros de agricultura ecolóxica e rexenerativa; obradoiros de ilustración con enfoque na natureza; obradoiros de pan para crianzas, etc., até propostas enfocadas na cultura e música.
O acto terá lugar o venres 26 na casa da Cultura de Allariz. Ás 10 h. realizarase a presentación do proxecto turístico e os resultados obtidos até o momento: quen fai parte, quen e como pode facer parte, e a plataforma web na que se visibilizan as experiencias.
Posteriormente, ás 12 h. intervirá a Asociación Aethnic [https://www.aethnic.org] de Cataluña; María López da área de Promoción Económica, Turismo e Comercio do Concello de Allariz; Eva González do GDR Limia- Arnoia; Nelson Alonso da cooperativa galega Carabuñas; Uxi Delgado e Ángela Millán como equipa técnica do proxecto; e Ana Lorenzo, presidenta de REAS Galicia.
O evento é aberto a todas as persoas e tamén se poderá seguir en directo na canle de Youtube [https://www.youtube.com/live/fDL0SnR7m1c?si=Fv9Jd_rmQqdHeUGZ ]