O Ineltrón Santo Domingo pecha a Liga Norte contra o Rosalía de Castro

por Redacción Deportes

Cinco de novembro de 2023. Dende esa data, e por culpa dun estraño calendario, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos non volveu xogar como local. O rival foi o Ensino Lugo, o resultado un 87-67 para os de Doc e, grazas a el, a quinta vitoria en cinco partidos para os betanceiros. Agora, cos seus 11 encontros gañados e líder do Grupo Norte da Primeira Nacional, o conxunto de Betanzos recibe ao cuarto clasificado, o clásico Rosalía de Castro (por nome oficial “Institutos de Compostela Xunta de Galicia”), club que xoga a clasificación para o Grupo polo título neste mesmo partido. Aí o meirande perigo dos santiagueses, que comezaron implacables a liga e logo comezaron a desincharse, entre outras causas, pola falta de continuidade do seu base, Iago Fernández, xogador con ampla experiencia en ligas LEB.

Clasificados xa para o Grupo no que se ha dilucidar o campionato (ao igual que Porriño, Sigaltec Vilagarcía, Cb Allariz, Noia, Cambre e Costa Ártabra) os de Doc disputan esta última xornada da fase regular cun inesperado papel de xuíces: na súa man está que sume a lista o seu rival, o Rosalía de Castro, ou o seu inmediato perseguidor, o USC Obradoiro. O partido terá lugar o domingo en horario habitual: 17h.

As sénior visitan o Ensino Lugo, La Goleta As Pontes e os preinfantís reciben o Obradoiro

Polo demais, a fin de semana do 27-28 de xaneiro ofrece unha diversidade de encontros interesantes, tanto fóra da casa coma no propio Carregal. Así, as sénior feminino visitan Lugo para enfrontarse ao Ensino, La Goleta xoga nas Pontes un partido aprazado e as cadetes de Jose Ríos abren nova fase no colexio Obradoiro. O pavillón betanceiro será testemuña da visita de Maristas en categoría júnior e do Toxo Telecom Obradoiro, terceiro clasificado na liga galega preinfantil Grupo Norte.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario