Javier Arias: «Se no municipio de Lugo non se fai máis vivenda pública é pola falta de xestión da ex alcaldesa de Lugo, a señora Lara Méndez»

por Redacción Lugo

De feito, o Concello ten competencias para promover e xestionar vivendas protexidas -tal como recolle o artigo 25 da lei estatal Reguladora das Bases de Réxime Local- pero non avanzou nada neste eido.

Na mesma liña, a Xunta convocou o ano pasado axudas para que promotores públicos, como poden ser os concellos, construísen vivendas para alugueiro -ata 50.000 euros por vivenda a fondo perdido- e o Concello de Lugo nin sequera preguntou por elas.

Pero non é só que o Concello non constrúa vivenda, senón que dificulta que outras administracións poidan facelo. A día de hoxe a Xunta continúa á espera de que o Concello lle ceda terreos para poder construír vivenda pública, tan necesaria en Lugo. Logo de usar esta cuestión na campaña de maio do 2023 para axitar O Castiñeiro, o Goberno local segue sen dar pasos para permutar a parcela.

Lamentamos a política de confrontación e de medias verdades do PSOE con esta cuestión pois «intentan atacar ao Goberno autonómico con falsidades cando saben perfectamente que se non se fan estas vivendas é porque non facilitan os terreos».

Mentres tanto, a Xunta segue a rehabilitar vivendas na Tinería, onde se entregaron nos dous últimos anos 9 vivendas novas en réxime de aluguer, que suman en total unhas 100 vivendas recuperadas pola Xunta en 40 edificios históricos deste barrio.

E no resto da cidade estase avanzando para construír 200 novas vivendas, con dúas novas promocións en Garabolos, en fase de contratación dos proxectos, ademais doutras 58 vivendas pendentes de que o Concello ofreza unha parcela.

No conxunto da provincia, a Xunta ten 683 vivendas en réxime de alugueiro, con prezos por debaixo do 50% dos de mercado.

O Executivo galego ten clara a súa estratexia en materia de vivenda como demostra que a execución de fondos europeos en materia de vivenda en 2022 e 2023 está próxima ao 100%. Por tanto, é totalmente falso que boa parte deses recursos estean sen executar.

É especialmente sorprendente que agora pretendan poñer de exemplo o Goberno de Touriño cando a súa política de vivenda foi nefasta e non supuxo nada novo. Limitouse a continuar coas actuacións que xa iniciara o Executivo anterior, como A Tinería ou a urbanización de Garabolos.

De feito, en Garabolos, o bipartito -porque a carteira de Vivenda estaba ostentada polo BNG- foi responsable de incrementar os custos da urbanización para a Xunta porque mercou os terreos ao Concello en vez de realizar as actuacións de forma conxunta, aportando o Concello os terreos e a Xunta a obra. Decidiron financiar ao municipio a costa do IGVS, que á súa vez se financiou vendendo os terreos a Xestur, que tivo que endebedarse. De feito, a débeda de Xestur estivo a punto de causar a súa desaparición e tivo que ser pagada tralo cambio de Goberno na Xunta, despois de 2009.  

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario