O PSdeG-PSOE de Abegondo denuncia que a empresa adxudicataria da construción da senda peonil na DP-0105, unha obra da Xunta de Galicia, comezara realizar os traballos sen a autorización dos propietarios das fincas polas que transcorre dita senda.
O voceiro socialista en Abegondo, Jairo Bello Vidal, afirma que os propietarios destes terreos, situados nas parroquias de Meangos e Presedo, souberon por primeira vez da realización das obras “cando a empresa empeza os desmontes e desbroces nas fincas, e van parar a obra por non saber que estaba pasando”.
“Os socialistas de Abegondo consideramos gravísimo que o Concello enviase un certificado de dispoñibilidade dos terreos sen que os propietarios das fincas tivesen coñecemento de nada”, indica Bello Vidal.
Desde o PSdeG-PSOE abegondés presentaron por rexistro unha solicitude de información sobre este certificado, agardando que dita información “sexa remitida coa maior brevidade posible”, sinalan.
Bello Vidal explica que o alcalde popular de Abegondo “mantivo dúas reunións coa veciñanza afectada solicitando a cesión voluntaria destes terreos, e a gran maioría oponse a esta maneira de actuar pola súa parte”. A primeira destas reunións foi o sábado 20 de xaneiro no Local Social de Meangos, e a segunda, o día 27 no propia Casa do Concello.
“O alcalde asegurou nestas xuntanzas que se farían os arranxos necesarios a cada propietario nas súas fincas, algo sorprendente cando a obra xa está adxudicada a unha empresa e conta cun presuposto pechado”, apunta o voceiro socialista.
Bello Vidal critica tamén “que o alcalde se excuse en que un funcionario emitiu o certificado antes mencionado sen o seu coñecemento, xa que el é o responsable do persoal do Concello de Abegondo”.