A compañía participa por primeira vez en FETEN, unha cita imprescindible do calendario das feiras de artes escénicas para público infantil, que celebrará a súa 33ª edición entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo en Xixón
Kyoki, o último espectáculo da compañía de teatro físico Elefante Elegante, vén de ser seleccionado para participar en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que se celebra anualmente en Xixón. A nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro vaise representar o vindeiro 29 de febreiro no Centro de Cultura Antiguo Instituto. Kyoki forma parte dos 76 espectáculos escolleitos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición. Amais de Elefante Elegante, outra compañía galega, Nauta Teatro, vai participar tamén na feira que se desenvolverá entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo na cidade asturiana.
Para María Torres, participar en FETEN supón «unha valiosa oportunidade para amosarmos o traballo da compañía nun escaparate que concentra a boa parte dos programadores nacionais e internacionais». Espera tamén que sexa «un pulo para a promoción exterior de Elefante Elegante» que lles permita reforzar aínda máis os vínculos con Portugal e repetir experiencias como as actuacións en Colombia no Festival Internacional de Teatro de Manizales e no Festival San Ignacio Comfama de Medellín ou a do Licht Blicke Festival de Nuremberg en Alemaña.
UNHA OLLADA LÍRICA
O alzhéimer desde unha perspectiva poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria; unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade. Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki -palabra que significa «demencia» en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. Trátase dun espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.
Foto portada: © Vanessa Rabade