A iniciativa cultural, que se desenvolve de xeito paralelo en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, e que conta co apoio da Xunta de Galicia, reforza o sistema de selección de propostas tanto para participar no programa de exhibición ‘Itinerario Constelacións’ como para ser parte do ‘Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte’
Camiño Escena Norte abre o prazo de inscrición de espectáculos para xirar no Itinerario Constelacións da súa sexta edición, que se celebrará do 13 de setembro ao domingo 27 de outubro, dez días máis que no 2023. As compañías interesadas teñen de prazo até o 16 de febreiro para presentar as súas candidaturas. Aquelas que finalmente resulten seleccionadas formarán parte da nova programación con varias funcións nas comunidades que forman parte do proxecto. Toda a información e a ficha de inscrición para as compañías está dispoñible no espazo web oficial www.escenanorte.com.
Camiño Escena Norte é o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas que se celebra, de xeito paralelo, entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Promovido polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra) este proxecto, que conta coi apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), toma a ruta histórica dos Camiños de Santiago como referencia para ofrecer unha intensa programación escénica.
De cara á nova edición, unha das principais novidades, alén da ampliación da súa duración, será a introdución de melloras no sistema de selección de pezas para o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte así como para o programa de exhibición Itinerario Constelacións. Este ano reforzarase o sistema de selección ampliando o número de persoas expertas profesionais do sector en cada un dos cinco territorios. Así, cada unha das comisións territoriais pasará de ter de 3 a 5 membros, sendo a selección levada a cabo por un total de 30 expertos e expertas que traballarán de maneira colexiada.
Nun proceso o máis transparente e garantista posible, realizarase unha selección primeiro individual por parte de cada persoa experta e, despois, realizarase unha comisión grupal da que sairán os 30 espectáculos que conformarán o Catálogo. Deses 30, 6 por comunidade, sairán os 15 (3 por comunidade) que xirarán no Itinerario Constelacións, nun traballo de coprogramación entre a organización de CEN e as distintas sedes que acollerán a súa actividade. Na pasada edición, as compañías galegas Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato levaron as súas creacións a distintas localidades da cornisa cantábrica.
Desde 2023 o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha ferramenta moi útil para os e as profesionais da programación das comunidades do proxecto e do resto do Estado. Esta marca de calidade serve de promoción e apoio á distribución dos mesmos fose do ámbito do proxecto.
NOVA OFICINA CEN DE COOPERACIÓN ESCÉNICA
Outra das novidades da edición de 2024 é a Oficina CEN de Cooperación Escénica. Esta nova proposta porase en marcha o vindeiro marzo apoiada polo Ministerio de Cultura a través da súa convocatoria de axudas para a acción e promoción cultural. Trátase dun programa de consultoría e acompañamento profesional que reforzará a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución, as sinerxías entre territorios e o coñecemento sobre o funcionamento do sector escénico profesional en cada unha das cinco comunidades de Camiño Escena Norte. Esta nova oficina funcionará de maneira permanente como entidade independente de apoio ás compañías e proxectos, dando continuidade ao longo de todo o ano aos obxectivos do proxecto, alén das datas da súa programación oficial.
CAMIÑO ESCENA NORTE
Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para a xestión, desenvolvemento e produción deste proxecto.
Desde a súa posta en marcha no 2019, CEN levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo así a públicos de diversos municipios a oportunidade de acceder a este tipo de propostas. Tamén facilitou ás compañías seleccionadas en cada edición o acceso a novos espazos e escenarios nos que desenvolver a súa creatividade.
CEN conta co apoio económico de todos os niveis da administración, desde a estatal até as entidades locais, pasando tamén polos gobernos autonómicos, provinciais e forais, e conta con diversos patrocinios privados.
Foto: Miguel Lamas