Formoso visitou en Cambre a sede de Codee, unha das empresas innovadoras de base tecnolóxica que contan co apoio da Deputación da Coruña
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, coñeceu hoxe de primeira man a actividade da start-up Codee, situada en Cambre.
Formoso, que visitou a sede da empresa acompañado polo deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, asegurou que a institución provincial «presta sempre especial atención aos proxectos innovadores, e por iso desprega diferentes iniciativas para contribuír ao seu desenvolvemento». Referiuse así ao convenio que a Deputación asinou no 2023 coas universidades da Coruña e de Santiago co fin de contribuír con 400.000 euros á ampliación de capital de Unirisco, unha sociedade de capital risco participada por ambas institucións académicas que financia proxectos emprendedores de base científica e tecnolóxica.
Durante o percorrido polas instalacións xunto ao CEO e cofundador de Codee, Manuel Arenaz, Rosa Vázquez, cofundadora, e Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco, o presidente provincial destacou como prioridades para a Deputación contribuír «a transferencia de coñecemento das universidades ás empresas e a aposta polo talento, especialmente da xente moza», de modo que mostrou a súa satisfacción por que compañías coma Codee se beneficien dese tipo de financiamento.
«Estamos xunto aos proxectos emprendedores que fomentan o talento e contribúen a posicionar a Galicia como referente, tamén no eido tecnolóxico. Iniciativas como Codee que xorden dunha boa idea no seo da universidade e despregan despois todo o seu potencial no ámbito da empresa», afirmou Formoso, que destacou que a compañía conte xa con 18 empregados de alta cualificación.
Arenaz explicou que Codee «é a primeira solución a nivel mundial para axudar a crear aplicacións máis rápidas e eficientes, e que permitan un maior aforro enerxético». A actividade da empresa está dirixida a dous tipos de clientes. Por unha banda, os grandes centros de supercomputación. «Realizan simulacións de problemas do mundo real, como a predición meteorolóxica ou de catástrofes naturais, para o que se empregan os supercomputadores máis potentes do mundo, máquinas que valen entre 200 e 400 millóns de euros. Optimizar a velocidade e o consumo de enerxía dos programas pode repercutir, incluso, en salvar vidas. Por exemplo, coa predición dun tsunami con moita antelación», detallou.
O outro sector ao que presta máis atención a start-up é a axuda a compañías que desenvolven software para os denominados «sistemas empotrados». «Trátase do software que opera no metro, nos trens, nos avións, sistemas de condución automática… Necesita procesar datos en milisegundos para tomar a decisión correcta, e aí contribuímos a desenvolver aplicacións máis rápidas e eficientes», explicou o CEO.
Codee, que xa traballa para empresas e institucións públicas de Estados Unidos, Europa, Arabia, Xapón ou Australia, conta con financiamento de Unirisco, entre outros inversores. Unirisco contribúe a fomentar dentro do territorio provincial proxectos innovadores con base tecnolóxica, principalmente en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a farmacoloxía, a tecnoloxía da saúde, as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), o sector agroalimentario, a industria 4.0, a economía circular ou as novas formas de enerxía e sustentabilidade.
Codee conseguiu con este apoio impulsar o seu crecemento, acelerar o seu desenvolvemento tecnolóxico e incorporar persoal. Cos investimentos procedentes desta canle de financiamento espérase reforzar o posicionamento da compañía no seu sector.