A Universidade da Coruña acollerá durante os vindeiros días 11e 12 de setembro, na Facultade de Ciencias da Educación, un encontro de investigadoras e investigadores en Psicoloxía Educativa.
O obxectivo deste encontro é establecer un foro de debate sobre as principais liñas de traballo que desenvolve o persoal investigador referente na Psicoloxía do Desenvolvemento e da Educación en España. Os encontros están dirixidos prioritariamente ao profesorado das distintas áreas de Psicoloxía e Educación, ao alumnado de Grao, Máster e Doutoramento, así como a aqueles profesionais que traballan nos diferentes eidos da Psicoloxía e da Educación.
Neste Encontro, organizado polo Grupo de Investigación en Psicoloxía Educativa (GIPED) da Universidade da Coruña, participarán persoas expertas de dez universidades españolas. Ademais de presentar as principais liñas de investigación, tamén se pretende poñer en valor a necesidade de incorporar a profesionais da Psicoloxía Educativa nos centros escolares. As escolas necesitan contar con psicólogas e psicólogos educativos para levar a cabo actividades de avaliación, prevención e intervención, co obxectivo de promover o benestar emocional e de previr problemas psicolóxicos e de saúde mental en todos os axentes do sistema educativo (estudantes, docentes e familias).
Tendo en conta que existe un déficit importante na atención psicolóxica do alumnado e no apoio e o asesoramento ao profesorado e ás familias, faise necesario incorporar psicólogos educativos en todos os centros escolares, así como crear un posgrao en psicoloxía educativa que ofreza unha formación axeitada a estes profesionais e que dea resposta ás grandes demandas que existen na actualidade ante os enormes problemas de saúde mental, acoso escolar e de benestar que presentan moitos estudantes nas distintas etapas educativas.
A Asociación Científica de Psicoloxía e Educación (ACIPE), da que forman parte da Xunta Directiva os participantes deste Encontro, leva varios anos manifestando en varios foros, e ante as autoridades educativas, a necesidade que teñen os centos escolares de contar con profesionais da psicoloxía educativa para detectar precozmente, previr e intervir nos diferentes problemas de saúde mental que poden presentar os distintos axentes educativos.