O PP pide ao PSOE que “o Goberno central non entorpeza” e “deixe ao Goberno galego construír a conexión do Porto Seco coa N-120”

por Redacción Lugo

Katy Varela e Raquel Arias destacan “a implicación do Goberno do Partido Popular en Galicia con esta infraestrutura loxística” 

As candidatas do PP lucense ao Parlamento Katy Varela e Raquel Arias destacan a implicación do Goberno galego co Porto Seco de Monforte que mantén o compromiso orzamentario para as obras de conexión coa N-120 e lamentan que “non se poida avanzar nas obras” porque “levamos anos agardando a que o Goberno central desbloquee a situación” para darlle “unha saída competitiva a esta infraestrutura loxística que estimularía o desenvolvemento económico de Monforte e da comarca”.

A Xunta tivo que repetir o proxecto de trazado, a tramitación da avaliación de impacto ambiental e a redacción do proxecto construtivo para incluír unha solución compatible coa futura A-76. “Os organismos estatais bloquean e dificultan o avance: a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil solicitando o redeseño das obras de drenaxe que implica refacer un proxecto xa aprobado; a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia solicitando documentación complementaria unha vez acordada a solución e Adif dicindo que para autorizar as obras se deberá suprimir un paso a nivel que nada ten que ver”.

“A día de hoxe, existen atrancos que impiden avanzar no expediente debido ás posicións inmobilistas por parte de organismos dependentes do Goberno de España”. En todo caso, “a Xunta de Galicia ten consignado para 2024 ata 500.000 euros e está en disposición de avanzar nesta actuación cando se conte coa autorización por parte dos organismos estatais implicados”, subliñan as populares.

O PP esixe colaboración ao Goberno central

Dende o Partido Popular pídenlle ao PSOE “máis colaboración e menos entorpecer dende o Goberno central ao Goberno galego que leva investidos máis de 20 millóns de euros no Porto Seco de Monforte, na adquisición de terreos e nos traballos técnicos e de urbanización deste espazo”.

Con todo, “esta área industrial conta cun hándicap que impide o seu desenvolvemento como é a necesidade dunha conexión directa coas principais vías de comunicación da zona: a estrada nacional 120 ou a futura autovía, se algunha vez o Goberno de España decide facela realidade”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario