O Presidente da Deputación lucense defenderá no seo da Comisión de Deputacións da FEMP que se dote de máis fondos europeos á mobilidade no rural

por Redacción Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou no pleno de constitución da Comisión de Deputacións Provinciais, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebrado este martes no Senado, en Madrid. Unha sesión que, tras as eleccións municipais, abriu un novo mandato para este órgano de representación dos gobernos locais intermedios de todo o país e que abriu o Presidente do Senado, Pedro Rollán.

Tomé Roca foi elixido para formar parte da Comisión Permanente, que a conforman 18 representantes de todo o territorio español. Dende esta posición defenderá que se dote de máis fondos europeos á mobilidade no rural. Engadiu, nese sentido, que as deputacións son as institucións “vertebradoras do territorio, que chegan a onde outras administracións non chegan, que igualan oportunidades e que achegan os servizos básicos”. “Son unha ferramenta que leva funcionando 200 anos e que é preciso potenciar”.

Na sesión de hoxe quedou aprobada a memoria de xestión do anterior mandato, ademais de conformar as comisións permanentes e acordar o plan de traballo dos próximos anos.

A Comisión reunirase cada dous meses e os Plenos celebraranse cunha periodicidade de catro meses. Na reunión de onte xa se avanzou que Sevilla será a cidade que acolla o vindeiro Pleno no mes de xuño.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario