Isabel Rodríguez recibe aos 15 gardas civís en prácticas que se incorporan á provincia de Lugo

por Redacción Lugo

A subdelegada asegurou que “supón un reforzo importantísimo en materia de seguridade para Lugo, que repercutirá na mellora dos servizos cara ao cidadán”

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, deu a benvida hoxe aos novos alumnos da Garda Civil que se incorporan á Comandancia de Lugo para realizar as prácticas coas que completarán a súa formación. A subdelegada, que estivo acompañada na presentación polo tenente coronel interino, Julio González, saudou este martes aos 15 gardas en prácticas, que pertencen á 128 promoción da Academia de Baeza, en Xaén; e á 169 promoción do Colexio de Gardas Xóvenes de Valdemoro, Madrid; nun acto que tivo lugar no patio de armas da Comandancia da Garda Civil de Lugo.

A subdelegada animounos “a emprender unha nova etapa formativa en Lugo onde poderán adquirir unha experiencia vital para o seu futuro profesional”. Ademais, asegurou que “supón un reforzo importantísimo en materia de seguridade para a nosa provincia, que repercutirá na mellora dos servizos cara ao cidadán”. En relación con isto, avanzou que desde o Goberno de España está a facerse un intenso traballo e informou que “grazas ás ofertas públicas de emprego recuperáronse desde 2017 un total de 36 prazas, chegando aos 1.004 efectivos da Garda Civil a día de hoxe na provincia”.

Por outra banda, Isabel Rodríguez felicitou á Comandancia de Lugo polo labor realizado, afirmando que Lugo é unha das provincias máis seguras da provincia, cunha taxa de criminalidade moi por debaixo da media nacional. Neste senso, lembrou aos novos gardas civís o importante servizo á comunidade que presta a institución, da que dixo que conta co afecto dos lucenses, na protección da cidadanía.

Tamén fixo fincapé na súa intervención nas medidas innovadoras postas en marcha para incrementar a presenza da muller na Garda Civil. “Hoxe, das 15 persoas que vos incorporades, 7 son mulleres. É unha alegría e un inmenso orgullo constatar que a benemérita é un corpo atractivo para as mulleres, que non limita o seu desenvolvemento persoal nin lle impide alcanzar todas as súas aspiracións”, engadiu.

Por último, a subdelegada desexoulles toda a sorte e éxito profesional para esta nova etapa que comezan en Lugo. “Agardo que cando terminedes a vosa formación algúns de vós elixades esta Comandancia como destino. Porque Lugo é unha terra de acollida que vos recibirá cos brazos abertos”, reiterou.

Prácticas en 14 postos da provincia

Tras superar o curso académico, estes gardas civís completarán a súa formación con 40 semanas de prácticas nas que reforzarán o persoal, coincidindo co inicio da época estival. Os 15 gardas, 8 homes e 7 mulleres, foron destinados a 14 postos das 4 compañías nas que se organiza a Comandancia da Garda Civil de Lugo. Concretamente, completarán a súa formación realizando prácticas nos postos de Rábade, Monterroso, Vilalba, Guitiriz, Meira, Muras, Chantada, Seoane do Courel, Sarria, Burela, Ribadeo e Foz. Case a metade dos gardas de prácticas son naturais da provincia de Lugo, de onde proceden 7; outros 3 son da Coruña, 2 de Asturias, 1 de Ourense, 1 de Burgos e 1 de Cáceres. A idade media desta promoción é de 29 anos e ningún de seus membros supera os 38 anos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario