As obras, realizadas no núcleo de Outeiro, en Sombreu, permitiron cambiar os vellos tubos de fibrocemento por uns novos de fundición, ademais do asfaltado da vía
A Deputación da Coruña deu por concluídas as obras de renovación da rede xeral de abastecemento de auga de Miño, unha actuación realizada no núcleo de Outeiro, en Sombreu, á que o ente provincial destinou 200.000 euros a través dun convenio co Concello.
Os traballos, que remataron a semana pasada coa finalización do reasfaltado, permitiron substituír un tramo da rede xeral de abastecemento de auga que tiña máis de 40 anos de antigüidade. Esta situación provocaba avarías puntuais e interrupcións da subministración, especialmente no verán, cando aumenta a demanda de auga.
As obras consistiron na muda da vella rede de tubos de fibrocemento por outros de fundición, ademais da renovación total do pavimento no núcleo de Outeiro.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, insistiu na «continua aposta da Deputación por mellorar os servizos básicos nos diferentes municipios da provincia» e destacou a importancia da obra, pois «permite mellorar a subministración de auga dun núcleo tan importante como é Miño».
A alcaldesa de Miño en funcións, Catalina Morado, agradeceu a colaboración do organismo provincial e afirmou que «esta renovación mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas do casco urbano, que sufrían os cortes de subministración da auga pola antigüidade da rede. E concretamente dos de Outeiro pola pavimentación do rueiro. Esta obra é unha mellora importante aos seus problemas».