O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou onte que estes días de campaña teñen que consistir en «falar coa xente» e «en ser conscientes do moito que está en xogo» o próximo 18 de febreiro porque «catro anos para lamentarse poden facerse un tempo demasiado longo». Por iso fixo un chamamento a «non dar nada por feito nin relaxarse» e a traballar para que Galicia siga indo polo bo camiño.
O líder dos populares galegos quere que a normalidade, o sentidiño e a estabilidade e o bo goberno continúen sendo as características de Galicia. De aí que aspire a obter unha maioría suficiente que lle permita poder trasladar a mensaxe de que «todo ese barullo continuo, ese desgoberno, esas perdas de tempo e o priorizar a chantaxe antes que o interese xeral» que se están vendo a nivel nacional cheguen a Galicia.
«Négome a aceptar todo isto que se acepta como normal e négome a que todo isto poida ocorrer en Galicia. Por iso necesito a maioría suficiente para evitalo», concluíu apelando a seguir pola senda da baixada de impostos, a gratuidade educativa, o coidado dos dependentes e a ampliación do parque público de vivenda.
Esta é, para Rueda, a única alternativa. Xa que do outro lado só hai un multipartito de formacións que só teñen en común «presumir de falar mal de Galicia», tal e como se constatou onte no debate electoral organizado pola CRTVG.
Un debate no que se constatou que a oposición «aínda non é consciente do dano que lle fixo á xente do mar» e non se atreve a afirmar abertamente se están ou non a favor do pago do Imposto de Sucesións que en Galicia leva anos sen pagarse. Porque aí está unha das grandes diferenzas entre os dous modelos: «Mentres eles recuperan impostos e os suben, nós os eliminamos ou os baixamos».
Reafirmou así a súa proposta de ampliar as bonificacións ao Imposto de Sucesións máis alá dos descendentes directos, ata os descendentes colaterais: irmáns, tíos, sobriños, cuñados, xenros e sogros. «Nestes anos 836.000 contribuíntes galegos aforráronse ter que pagar por recibir unha herdanza e, se goberna a esquerda, volverán ter que facelo», engadiu.
Rueda considera que Galicia tampouco merece «estar gobernada por un independentismo que quere ordenar á xente como ten que falar, repartir carnés de bos e malos galegos, derrogar o Tribunal Constitucional ou impoñer unha educación pública totalmente en galego». Matizando neste sentido que iso podería ser posible coa equidistancia dun PSOE que «xa non aspira a ter un bo resultado, senón a que simplemente non goberne o PPdeG».